Un conto mal contado

OPINIÓN

28 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende a caída do imperio otomán, coa primeira guerra mundial, os países árabes e musulmáns foron deseñados ao gusto de Inglaterra e Francia, colonizados e explotados, espoliados os seus recursos, abafados todos os seus intentos políticos progresistas, que os houbo, deica os nosos días. Sen esquecer a partición de Palestina, nin a invasión de Irak, de Afganistán ou Libia, todas elas co non disimulado propósito de anular gobernos incómodos e mellor explotar os inmensos recursos deses e outros países, ben apoiando gobernos corruptos e dóciles ou ben poñendo no poder a candidatos decididos en Washington, entre outras formas de intervención, e de humillación, ben coñecidas. Os políticos occidentais, cando ocorre un atentado como o recente de Barcelona, axiña se refiren aos «nosos valores», ás nosas liberdades, á nosa convivencia en paz -toda unha batería de tópicos baleiros-, e anuncian medidas contra o terror.

 

Pero, que eu saiba, a ningún se lle ocorreu facer unha referencia ás causas dese terror e menos aínda á intención de eliminalas. E non se decatan de que os terroristas non pertencen a un exército nin a unha guerrilla, senón que responden a unha maneira de pensar. Un pensamento, como ben escribiu Robert Fisk, que se alimenta da dor, do temor e da crueldade que nós temos causado pola nosa cobiza de dominio do mundo musulmán.

A consecuencia imponse de seu: unha vez máis seguiremos gabando os nosos valores e as nosas liberdades, con todo o cinismo de que sexamos capaces, e á par padecendo e aturando o terrorismo, un terrorismo que sabemos moi ben onde ten a súa orixe. ¿Ou é que isto o descoñecen os baralleiros da política, ou será que lles convén esquecelo?

Porque o que nos están contando é só un conto. Pero mal contado.

Os políticos occidentais non se decatan de que os terroristas non pertencen a un exército nin a unha guerrilla, senón que responden a unha maneira de pensar