Aplaudo a loita por conservarmos a nosa toponimia. É necesaria porque a vontade popular, moitas veces, muda os nomes dos lugares dun xeito estraño e azaroso. No concello de Boiro, por exemplo, Servia, Corea e Exipto están nun radio de poucos quilómetros. O caso de Servia vén de lonxe, pero Corea xurdiu non hai moito, e Exipto, que tiña a orixe no santoral, acabou por ter a súa versión profana cunha pirámide chantada no medio dun parque, ocorrencia política que fica aí como algo absurdo e trapalleiro.
Outro nome tamén convertido en lugar, en espazo común, é Barbantia, un invento co que no 2004 bautizamos unha asociación cultural. O nome, eufónico, xurdiu coma un posible precedente etimolóxico de Barbanza, algo que ratificou o profesor Juan José Moralejo. Pois ben, malia ser inventado, o termo callou entre a xente e hoxe Barbantia tamén é unha empresa de autobuses, o título dun disco, unha cafetería de éxito, un negocio de rodas, mesmo unha carreira popular. Na usurpación do nome non hai mala fe. Cónstame. Todos coidan que é palabra latina e leva aí miles de anos. Por iso o asunto non merece rematar nos tribunais.
A achega máis curiosa e vulgar lévana uns piñeirais apegados á praia de Barraña, onde adoitan ir as parellas de noite. Monte Condón estendeuse tanto que, non hai moito, un neno de seis anos repartiu na clase o convite do seu aniversario. Na tarxeta, impresa polos pais, especificaba que habería xogos en monte Condón. Mesmo aí atrás, logo dunha liorta entre rapaces, a policía local escribiu no parte: «Incidencias en monte Condón». A verdade é que cando paso por alí sospeito que este nome si vai ficar para sempre porque o lugar, teño que o recoñecer, préstase para o amor.