Primarias sen fratricidios, por favor

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

03 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

16, 17, 22, 28, 19, 15, 17, 25, 18 e 14 son os escanos obtidos polos socialistas galegos nas eleccións galegas desde 1981 ata 2016. Foron terceira forza en 1981, 1997 e 2016, detrás de opcións da esquerda nacionalista. Paco Vázquez, Fernando González Laxe, Antolín Sánchez Presedo, Abel Caballero, Emilio Pérez Touriño, Pachi Vázquez e Xaquín Fernández Leiceaga foron os candidatos, entre os que só Laxe e Touriño foron presidentes, grazas a pactos cos nacionalistas, mentres que os peores resultados acadáronos Paco Vázquez, Abel Caballero e Xaquín Fernández Leiceaga. En total, suman seis anos de goberno en 36 anos de autonomía.

No PSdeG deberan tirar de memoria. En novembro cumpren corenta anos coma organización coincidindo cun proceso interno de renovación no que parten co lastre do seu peor resultado histórico no Parlamento galego e no español. Se aínda lles queda ánimo para desacreditar, eliminar, ou aniquilar a algún candidato, deberan lembrar que o pobo sabe ler entre liñas e os fratricidios sementan colleitas de fracasos. Están a tempo de dar paso a unha xeira nova, onde os conflitos endóxenos non consuman máis tempo que o traballo de representar, en serio, os intereses dunha cidadanía de centro esquerda que se sinte galeguista, pero non nacionalista.

A ampla vitoria interna e contra prognóstico de Pedro Sánchez chegou logo de que o PSOE estivese debruzado sobre un abismo insondable, disposto a tirarse sen rede e sen paracaídas. As primarias galegas deben superar aquel trauma, normalizar as relacións internas e resolver sensatamente os conflitos. Do contrario, gañe quen gañe, o resultado será malo porque as facturas pendentes sempre se cobran.

As primarias obrigan á confrontación entre candidatos para procurar quen pode liderar mellor o partido. Fanse en clave interna e, se cadra, é por iso que teñen producido fracturas convertidas en xenreiras persoais, incapacidade para a integración de quen foi adversario interno, e mesmo un trato máis propio de adversarios ideolóxicos que de compañeiros de partido que coinciden, suponse, no obxectivo básico e posterior de crear unha alternativa de goberno. 

No proceso que comeza mañá concorren tres aspirantes, cunha xestora inoperante e pouco -ou nada- ecuánime ata o de agora. Xaquín Fernández Leiceaga e Juan Villoslada teñen a plataforma do Parlamento galego e a súa historia no PSdeG é relativamente recente. Gonzalo Caballero é un militante sen cargos que segue o «modelo Sánchez» recorrendo, cos seus propios medios, agrupacións de toda Galicia. Os tres son sanchistas, pero desde Ferraz non van poñer a súa man enriba da cabeza de ningún, que terán que pelexar cada palmo de terreo.

De como se desenvolvan estas primarias, da garantía nos procedementos, da igualdade de trato, da confianza que xeneren, vai depender a consolidación dunha opción que concite o apoio maioritario das galegas e dos galegos. Non se esquezan, por favor.