Resolveuse o da rapaza que levaba cinco anos na procura doutra que era cravada a ela e aparecía fotografada na festa da tomatina de Buñols. Se reparamos ben na imaxe de cadansúa rapaza, a semellanza é indubidable. O asunto erguera interese porque se adobiou coa posibilidade de que unha delas pertencese a ese número indeterminado de bebés roubados, o que podería implicar que fosen xemelgas. A expectación, enorme, dobrouse ao introducir o elemento de que unha delas nacera nun hospital que acollera feitos tan crueis e arrepiantes coma o do tráfico de cativos. A noticia, veloz, deu coa rapaza a través das redes e houbo certa decepción no público porque nin son irmás, nin tan cuspidas e, por riba, hai unha distancia de nove anos entre elas. Agora todo ficou en nada, só na idea de termos un dobre en calquera parte. O desta rapaza atopouno lonxe, en Miami. Pola contra, o meu está más preto, na parroquia rianxeira de Asados. Lembro o primeiro día alí, cando os veciños me falaban con confianza, coma se me coñecesen de vello. O meu abraio non deixaba de medrar no bar Atalaia, onde os clientes me preguntaban pola familia e mesmo me agasallaban con leitugas e tomates. Ao principio pensei que ese trato tan familiar viña da miña amizade co oriúndo Xosé Luís Axeitos. Mais souben a verdade cando se me achegou unha rapaza que, logo de me chantar dous bicos efusivos, se decatou do erro e recuou para se escusar dicindo que eu era a viva imaxe dun dos Xacobiños de Asados, emigrado e taberneiro na praza da Leña de Pontevedra. E non, non gustei da coincidencia nin me picou a curiosidade. E, cada vez que vou á cidade do Lérez, coido moito de me pasar por esa praza porque non me quero ver repetido.