Cousas sinistras

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

04 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai cousas sinistras que me inquietan moito. Oxalá acontecesen só nas películas de terror, mais véxoo nas noticias do día moi a miúdo. Un parella que se perde de vista e a única pista a seguir é o seu coche afundido de maneira intencionada. Unha pequena que desaparece no medio dunha celebración festiva. Unha muller que foi secuestrada, ou non, e que xa non está entre nós. Un marido sospeitoso, unha familia política que o defende. Ese neno orfo...

Hai uns días escribía nesta mesma columna que me obrigo a non ter medo. Saio á rúa e evito mirar cara atrás, paseo polas zonas peonís sen importarme que o tráfico puidera arrasar con todos os viandantes nun segundo, porque non existen barreiras. Regreso a casa de noite e só miro á fronte. Levo á miña pequena da man e termo forte dela, pero non excesivamente, para que non se decate de que eu vexo perigo en cada recuncho. Convídoa a xogar fóra, sen que note que permanezo case máis atenta a quen nos arrodea que a ela mesma. Pecho a porta e creo que superei un día máis, unha inseguridade máis. Mais pola noite, volven os pesadelos, os reais. Non dou durmido pensando que algo fixemos rematadamente mal para estar aí, agoniando en cada recuncho do mundo.

Oxalá só houbese sismos, tornados, volcáns. Desastres naturais imposibles de deter. Mais o problema é que os atentados á vida, de maneira individual ou colectiva son constantes e provocados por nós.