Valle-Inclán, o inadaptado

OPINIÓN

08 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora que seica se preparan moitas montaxes de obras de teatro de Valle-Inclán é necesario recordarlles aos directores e actores que o noso grande dramaturgo viviu en permanente confrontación coa sociedade noxenta na que lle tocou vivir e na que foi un creador «inadaptado», como ben nos recordou o crítico José Monleón. É importante ter isto en conta, porque converter agora a Valle-Inclán nun «adaptado» pervertería todo o seu ser e desnaturalizaría a súa implacable censura dos nosos males pasados e presentes.

¿Que quere dicir isto de inadaptado? Simplemente iso: que se trata dun autor que non se pregaba á submisión e á conformidade acrítica da sociedade na que vivía. Valle foi un rebelde, un insubmiso, un desavido, un intelectual enrabiado, incapaz de pregarse ao atraso cultural que o rodeaba e ao que non podía adaptarse de xeito ningún. Por iso foi o fero dramaturgo que coñecemos. Un acusador implacable. Un dos máis grandes dramaturgos de século XX, xunto con Henrik Ibsen, Bertolt Brecht, Michel de Ghelderode, Arthur Adamov, Eugène Ionesco e Samuel Beckett. Un xigante.

A desgraza para el foi que non puido vivir nin desfrutar o éxito que lle chegaría uns quince anos despois da súa morte, cando as súas obras empezaron a ser dirixidas por grandes directores internacionais (o sueco Ingmar Bergman montou Divinas palabras en 1950 en Estocolmo). Por este venturoso vieiro, o desprazado Valle-Inclán foi finalmente comprendido e dramaturxicamente aceptado e celebrado. París deulle quizais o impulso definitivo, que logo continuou no resto de Europa e América. Así, o noso gran inadaptado foi finalmente comprendido como o autor crítico que era, capaz de erguer nun escenario un monumento examinador e fustrigador dos nosos males.

Valle-Inclán, morto en Santiago a comezos de 1936, sufriu no seu teatro o silencio franquista, que daba continuación a desprezos anteriores (porque as súas pezas dramáticas tampouco foron comprendidas durante a República). Porén, foi dentro do propio franquismo, e desde a contestación ao franquismo, onde comezou a abrirse paso dun xeito definitivo a obra -xa finalmente ben inadaptada- do noso gran dramaturgo.