No ano 1992 fun por primeira vez á cidade de Nova York. Estiven dez días que me deron para coñecer un anaquiño de semellante inmensidade. O primeiro impacto na chegada xa foi pasar os controis do aeroporto JFK, non tan blindado como na actualidade pero abondo sobre todo para quen non está habituado a ese tipo de mobilidades. E xa liberados daquela maraña humana puxemos rumbo a Manhattan, onde estaba o noso hotel, na Décima Avenida, concretamente no popular barrio The Hell’s Kitchen (cociña do inferno), poboado maioritariamente por irlandeses americanos, un lugar daquela e hoxe en día un barrio con encanto. Nunca tal vira e moito andei, e a base de camiñar entre mazás foi como atopei algúns lugares singulares dos que xa tiña escoitado falar, onde se xuntan grandes músicos para tocar, como se non houbese mañá. Así foi como descubrín os pubs Eagle Tavern, Tommy Maken e sobre todo o Paddy Reilly’s na segunda avenida, moi pretiño do Empire State. Xusto nestes lugares estiven con musicazos como Eileen Ivers, Jerry O’Sullivan, Tony de Marco e cos meu benqueridos Pat Kilbride e John Whelan, aos que coñecín cando nun escenario trataban de explicarlle ao público onde era Galicia tocando acto seguido Aires de Pontevedra. Hoxe parece algo normal pero daquela era emocionante para un galego perdido pola Gran Mazá; grazas a ese encontro eles non tardaron en vir tocar a Galicia e incluso repetiron en varias ocasións. Pero tamén coñecín o Manhattan das Torres Xemelgas, de Central Park, de Chinatown, da Little Italy, da multiculturalidade, do contraste riqueza/pobreza… Ao tempo, verifiquei que os colectores do lixo que eu vía de neno nos debuxos animados de Don Gato, existen.