Como se formaron os estados?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

19 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os galeguistas do tempo de Castelao dicían que a non coincidencia de Estados e nacións era a principal fonte de conflito en Europa. Aquel era o mundo anterior a 1945. Despois a historia estabilizouse por moito tempo nunha longa posguerra e o nacemento de novos Estados desprazouse a África e Asia, onde xurdiron ducias de novos Estados das cinzas dos imperios coloniais. O tempo de hoxe é moi diferente a aquel, pero o que aconteceu en Escocia e está a acontecer en Cataluña coa reclamación de máis autogoberno amosa que mesmo neste tempo de unidade europea e pos-soberanía estatal, cando os mercados din mandar máis que os Estados, hai un enorme espazo para as reivindicacións de poder e identidade. Polo que estamos vendo diriamos, facendo unha analoxía co corpo humano, que o Estado está na cabeza, a nación no corazón e o imperio nas vísceras ou nas gónadas.

Os Estados contemporáneos europeos foron definíndose e construíndose dende a fin das monarquías absolutas de diferente xeito. Algúns a partir dos grandes reinos e imperios renacentistas e atlánticos (de Tarifa ao Cabo Norte), dos que tamén foron saíndo nacións separadas dunha unión anterior: Bélxica (1830), Noruega, Finlandia, Irlanda (1905-1920). Outros, como Alemaña e Italia (1870), creáronse agrupando territorios económicos cun fondo cultural común e unificando linguas. Dende a caída do muro de Berlín e a fin da guerra fría entramos nun novo ciclo de definición de territorios nos que exercer a democracia, dende Estonia a Eslovenia (1991). Por non mencionar os efectos da descomposición da Unión Soviética no Cáucaso e máis en Asia central.

Na Europa occidental de hoxe en día, nacidos, educados e afeitos á situación de estabilidade e crecemento da posguerra mundial, costa traballo recoñecer o ciclo novo que por mor da crise e a globalización volveu abrirse tamén neste recuncho do mundo despois de seis décadas. Afeitos a identificar a Historia coa xenética do que nos trouxo até aquí e cun relato xustificador do statu quo do presente costa traballo recoñecer a Historia como ruptura do statu quo e como mudanza. Como costa traballo recoñecer asemade que estamos xa nun marco de post-soberanía. A soberanía entendida como a omnipotencia -case divina- do Goberno non existe máis. Esa ilusión de poder omnímodo dos antigos soberanos que continuaron os Estados-nación liberais esvaeceu hai tempo. É un mito. Pero os dereitos, as liberdades, a democracia, que son asuntos máis tanxibles, neste tempo están sendo discutidos.

A capacidade de decidir colectivamente segue a ser a base da democracia, tal como a entendemos. Leis hai moitas na historia, dende o Código de Hammurabi ao Estado de dereito da ditadura baseado na vitoria na guerra. Por se hai dúbidas sobre isto, repetiuno no 2014 o Tribunal Constitucional español ao indicar que «cabe unha interpretación constitucional das referencias ao dereito a decidir dos cidadáns de Cataluña». Non está de máis lembralo aquí e agora.