Meu avó

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

ANGEL MANSO

19 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Meu avó era un home de lei, de aspecto serio e con fondos rasgos trazados polo decurso dos acontecementos da vida, de mirada profunda, chea de sabiduría, tamén un home divertido, de bo corazón, sempre equilibrado e xusto. Coidadoso no vestir, moi meticuloso á hora de colocar a súa boina, parte sagrada da súa vestimenta, e moi bo contertulio. Así foi como o coñecín eu. E lembro con dozura, como nas sobremesas da cociña da aldea, estando sentado, facía sonar cos seus zocos o ritmo cubano da rumba. Dende moi pequeno traballou no campo facendo os labores propios dun rapaz da aldea en tempos duros. Nacido en Paradela, Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo, Ourense) de moi noviño xa facía a roda como cacharreiro (alfareiro) e con 10 anos foi de mutilo (aprendiz) a traballar noutro oficio daquelas cheo de posibilidades, o de afiador. Logo partiu para aquela Lisboa do 10 % de galegos, nos comezos do século XX, onde viviu unha tempada ata que o seu mestre de oficio o puxo a pedir nas rúas, algo que sentiu como unha grande humillación. Estivo uns días e non puido aguantar máis. El razonou que se tivese que esmolar faríao para os seus pais, que nunca llo pediron, e non para aquel home. E decidiu volver para a súa casa. Así foi como atravesou, con pouco máis de 10 anos, boa parte de Portugal, dende Lisboa, ata a súa aldea natal á que chegou soíño coa conseguinte sorpresa dos pais ao velo chegar, desgusto polo que lle pasara e alegría de que estivese ben de saúde. Anos máis tarde, xa de casado, marchou para Santiago de Cuba, onde rexentou durante tempo unha importante coitelaría e taller de afiado na que lle foi moi ben, ata que chegou Fidel… Pero esa xa é outra historia que quizais xa contarei.