Santiago de Compostela é, quizais, a única cidade do mundo occidental á que se vén andando. A chegada ao Obradoiro e os variados rituais fronte á catedral representan a culminación dun desexo, o cumprimento dun obxectivo.
Trinta anos despois da declaración do Camiño Francés como primeiro itinerario cultural europeo, é habitual escoitar referencias ao exceso de presión turística nos Camiños de Santiago e na cidade. Fronte a esta percepción, o verbo a conxugar é serenar, atenuar un perfil excesivamente mercantil facendo emerxer o papel da cultura.
Trátase de establecer unha escala de importancias, porque o peregrino e a peregrinación, factores tan sutís e necesitados de protección, poden resultar engulidos por todo o que acontece no contorno. Como teño dito, se o Camiño de Santiago se banaliza, a cidade e a catedral veranse abocadas a sufrir as consecuencias.
Canto maior é a presión turística máis presentes deben estar catro consideracións.
Compostela non é un santuario, non encaixa no perfil de Fátima ou de Lourdes. As rúas e prazas que circundan a basílica xacobea demandan un tratamento urbano e urbanístico que hoxe en día boto singularmente en falta: non son espazos de culto, nin tampouco escenarios para o espectáculo permanente. Cómpre acadar un acordo que emane dunha reflexión común, dando resposta a algunhas das preguntas que están no fondo da cuestión: que representa un ano xubilar? Pode unha cidade laica, como outra calquera, moverse ao ritmo dos xubileos? Cal é o punto de encontro entre laicidade e relixiosidade? Como se manifesta nos usos dos espazos públicos?
Por outro lado, sen un perfil cultural definido, o Camiño pode perder a súa esencia. Pero de que cultura estamos a falar? De todas as manifestacións da cultura, desde a creación á participación, a divulgación e a contemplación. Cultura pensada e concertada, non repentizada ao compás da primeira ocorrencia.
A rehabilitación é clave para manter os habitantes no centro histórico. O Real Padroado de Santiago, creado para integrar os esforzos do Concello, a comunidade autónoma e o Estado, contando tamén coa Igrexa e a Universidade, foi pensado para unha cidade patrimonio mundial rodeada de camiños que tamén o son. A rehabilitación de vivendas e espazos públicos, a restauración de monumentos e a promoción cultural en torno a eles deben ser eixes fundamentais da acción pública.
Por último, a cooperación institucional e empresarial é esencial na procura do equilibrio. Non consiste só en desestacionalizar ou en aspirar ao chamado turismo de calidade, senón en ter clara a mensaxe e o produto que se dirixe a quen veñen, quer como peregrinos, quer como turistas. Centrémonos na figura do peregrino «en sentido estrito», como dixo Dante na Vita nuova: «Chi va verso la casa di sa’ Iacopo o riede». Peregrino é o que ten un obxectivo e vai cara a esa meta en compañía ou en solitario, acompasando o tempo da alma e do corpo en silencio, co «Buen camino» como lema.