Indomable

Luís G. Tosar
Luís G. Tosar ENTRE LIÑAS

OPINIÓN

02 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai sesenta e cinco anos, días antes de que chegase ó mundo, na cidade de Santa María dos Bos Aires, quen isto escribe, atracaba no Porto Novo da raíña do Prata o vapor Entre Ríos. Un paquebote, como se dicía daquela -barco de carga e pasaxeiros-, fletado pola Compañía Arxentina de Navegación Dodero, para cubrir a longa ruta do Sur, vinte e pico xornadas de navegación, coas súas correspondentes noites de soños e arelas: Vigo, Santa Cruz de Tenerife, Pernambuco, Salvador de Bahía, Río de Xaneiro, Santos, Montevideo e, por fin, a tan desexada Bos Aires. Un dos primeiros en baixar a escaleiriña, con emoción, foi Francisco Lores Mascato. Galego do Grove, estirpe mariñeira na flor da xuventude, corpo aberto á América que pisaba. E dende aquela, o tempo e as pegadas da vida. Comezos da década dos 50, a Arxentina chorando por Evita, o populismo xusticialista abríndolle os brazos, máis que nunca, á ditadura de Franco… Pegadas que guían ó mozo onda os seus; Unión Fillos do Grove. Integrada na Federación de Sociedades Galegas, Chacabuco 955, barrio de San Telmo, cincuenta e oito entidades, quince mil gayegos que non responden ó estereotipo. Unidos e fraternos, firmes nos símbolos da redención que campan no escudo sobre a porta: libro aberto, estrela de cinco puntas, áncora con argola e o fouciño. Dende aquel día, Lores Mascato, o mozo que canta tangos e gasta pano de seda ó pescozo, ben arrabaldeiro, traducirá eses catro símbolos en catro palabras: memoria, verdade, xustiza e liberdade. Ideario sinxelo e abraiante para un loitador indomable. Si, o Paco Lores que estivo sempre onde tiña que estar, seguíndolle o fío ó carrete dos acontecementos. De pé, fronte as reviravoltas do camiño, sen esquecer endexamais as orixes -«unha linda luz branca que está alá no Grove, che», dicíame hai uns meses-. Un emigrante que soubo levar ergueita a bandeira da verdade, o pano rubio dos que sofren, facéndoo ondear por riba de militancias e xustillos. Rexo e valente, cun sorriso nos labios e a ollada cómplice duns ollos limpos, intelixentes. Foi un canto de xustiza e liberdade, o seu, con voz rouca e baril. Quen lle dera a outros, esmagados pola soberbia ruín, morrer coa dignidade e a coraxe de Paco. Coa testa ben alta, camarada.