Ribeira Sacra

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

Din que alí é onde se atopa a concentración de mosteiros máis grande de Europa. Ata un total de 18 cenobios, herdanza directa dos asentamentos eremíticos alto medievais que inzan as ribeiras dos ríos Miño, Sil e Cabe, entre o sur da provincia de Lugo e o norte da provincia de Ourense, nun total de máis de 20 concellos. Puro arte en pedra ben traballada polos mestres canteiros e perfectamente integrada nunha desbordante natureza en harmonía co entorno. Espazo de lugares máxicos, sabiamente escollidos polos monxes para practicar o seu recollemento, oración e traballo. Por todo isto é que foi denominada Sacra. Os impresionantes Canóns do Sil, accidente xeográfico de orixe tectónica polo que decorren as mansas augas deste lendario río, son terra de viños milenarios cuxas cepas están cultivadas en socalcos perfectamente asentados nas ladeiras destas montañas que en casos sobrepasan os 500 metros dende o propio río. Así pois, o labor de recolleita da uva nesta zona é denominada, por moitos, como viticultura heroica. Terra tamén de alfareiros como se pode constatar en Gundivós ou Niñodaguia. Berce dun dos oficios máis significativos e identitario de Galicia como é o dos afiadores levado con orgullo polo mundo coa súa xerga, o barallete, considerada das máis importantes da península. Pero a título persoal quero destacar o mosteiro de San Pedro de Rocas, no concello de Esgos, o máis antigo de Galicia, escavado nas antergas rochas graníticas do lugar e único da época sueva. Alí, a comezos do século XX ía o meu avó, a cabalo, xogar ás cartas co cura. Tamén lugar de descanso eterno de boa parte da miña familia por parte de pai. Emociónome cada vez que vou alí, e sexa oficial ou non, xa hai moito tempo que somos patrimonio da humanidade.