É hora de solucións

OPINIÓN

16 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non parece de grande dificultade resolver o chamado problema catalán (que máis ben é o problema de España) se temos en conta que xa está sobradamente resolto en moitas partes do mundo. Pouco hai que inventar. E, dende logo, nada novo. Países ben próximos a nós souberon resolver, e ben, problemas semellantes. O que ocorre e que, como seica dixo Giulio Andreoti, se ben outros din que foi Amintore Fanfani, na política española «manca finezza». É certo que a finura non nos distingue, pero, ao meu ver, hai moito máis, dende intereses electorais ben coñecidos, nos que a política da porra é sempre ben recibida, ata (falsos) principios ideolóxicos, patrióticos e históricos que pexan certas mentes e tollen algunhas decisións. Estou convencido de que o que máis couta as decisións políticas que deberan resolver un problema que é político -hoxe ninguén pode poñelo en dúbida- é o convencemento irracional dos que pensan que o Estado debe exercer unha especie de dereito de tutela sobre certos territorios ou comunidades, xa exposta por José Antonio Primo de Rivera. Idea que seguen hoxe dende Albert Rivera a Alfonso Guerra, pasando por Felipe González e seguindo polos demais dinosauros aos que tanto lles custa afacerse á idea de que unha soberanía compartida co Estado, deixando a este o mínimo imprescindible, é a solución que outros atoparon e que non se sabe por que nós non podemos (ou non queremos). Ou sexa, que hai solucións máis alá de tutelas impropias de adultos, están inventadas hai moito e postas en acción xa de vello; o que semella, polo que un vai vendo, é que non hai líderes que as poñan en práctica. A solución, nese caso, estará en procurar outros que saiban activar esas vellas solucións. Así de sinxelo.