Radios

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

Había pouco tempo que cumprira 13 anos cando os Reis me trouxeron uns walkie talkies, daqueles para intercomunicarse. De escasa potencia e alcance limitado, transmitían nunha banda chamada cidadá (CB) daquela con moi pouca actividade. Eran os principios da radioafición, e a xente que estaba eran iniciados na electrónica e nas comunicacións, construíndose eles mesmos as súas emisoras e antenas. Era o intre do cambio das lámpadas aos transistores e os circuítos integrados nos equipos electrónicos. Lámpadas empregadas tamén nos amplificadores de música, televisións e nas radios convencionais, que ao prenderse entraban en incandescencia e case que servían como calefactor. Lembro aqueles primeiros contactos de radio con xente da Coruña e entorno, os que me foron introducindo nese mundo no que pouco despois me vin inmerso e do cal me apaixonei chegando a fabricar unha emisora de 8W de potencia cunha antena exterior que eu mesmo deseñei. Con esa estación o alcance era maior, e incluso cheguei a facer contactos a nivel internacional cando a propagación atmosférica era favorable. Era emocionante poder contactar con tanta xente nun tempo en que as comunicacións eran moi limitadas, sen móbiles, nin Internet. Co tempo viñeron as emisoras americanas moito máis sofisticadas e potentes e gañouse calidade pero perdeuse o romanticismo de facer as cousas de maneira caseira, reparando e fedellando con recursos limitados. Anos máis tarde cansei daquel mundo, sobresaturado, e unha daquelas emisoras vendina para mercar a miña primeira gaita en Bambuco (tenda de música na A Coruña). Unha gaitiña moi ruinceira feita en Valencia pero na que fun quen de dar as miñas primeiras notas... Aí comezaba outro longo camiño.