Unha de lobos

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

Até non hai moitos anos o lobo abondaba por toda a xeografía galega. Considerado o animal salvaxe máis poderoso dos nosos montes, era visto dende a perspectiva popular como unha especie de rival moi temido pola súa ferocidade e simbolismo lendario pero tamén pola súa intelixencia e capacidade de actuación en grupo. Téñense dado casos de historias de ataque dos lobos ao gando con frecuencia pero esta que vou relatar é das poucas, das que se contaban na miña casa, nas que o home foi protagonista. Unha tardiña de inverno, un home ía tranquilamente por un camiño entre as aldeas de Niñodaguia e Paradela (Xunqueira de Espadanedo) e para o seu estupor, viu como unha manda de lobos lle foi saíndo ao camiño. As miradas non eran precisamente amigables e o home sentiuse absolutamente indefenso, sen saber moi ben como reaccionar. Nese camiño dábase a circunstancia de que había un souto de castiñeiros centenarios deses que están ocos, e o home pensou que agocharse no interior dun deles podía ser unha boa idea. Unha vez dentro, e fóra da vista dos lobos, entendeu que marcharían, pero non foi así, e os animais puxéronse a dar voltas ao redor do vello castiñeiro. Deron unhas cantas, ata que se cansaron e pararon, sentándose un deles co rabo moi preto dun furadiño que tiña o castiñeiro na súa base. O home decatouse disto e colleulle o rabo comezando a tirar del dende dentro ao berro de “achega o cu ao pau!!!”. De que o lobo levou varios golpazos contra a árbore conseguiu soltarse das mans do home. Fuxindo e ouleando provocou que os outros lobos sen entender o que pasaba marcharan espantados tamén. Así foi como o home saíu da árbore e continuou o seu camiño sen novidade pero coa friaxe nas entrañas polo que lle tiña acontecido.