O que máis nos condiciona

OPINIÓN

13 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As cousas máis inmediatas ou próximas son en xeral as que máis nos condicionan, as que máis inflúen na nosa vida e a poden facer moi pracenteira ou tamén pouco suxestiva. Temos, queiramos ou non, unha relación permanente e decisiva co noso mundo máis inmediato. E este mundo, moi complexo, está constituído polos nosos veciños, pola nosa paisaxe, polos nosos costumes e tradicións, por un conxunto de realidades que inflúen no que somos e que dalgunha maneira contribúen a nos definir. Porque este mundo máis próximo e inmediato é un mundo complexo, rico e excitante, onde hai valores, onde hai cultura, onde hai o que vemos e oímos, que un quixera sempre grato á vista, ao oído e ao espírito.

Un amigo meu moi viaxado, culto de verdade e coñecedor de moi diversos mundos e culturas dime que lle produce intranquilidade comprobar o pouco que por aquí amamos as nosas cousas, que é unha maneira de desprezalas como outra calquera. E a insensibilidade xeral a canto supoña manifestación da propia cultura e da propia lingua. Unha falta de respecto xeral, dime, a valores dos que non podemos prescindir: falta de respecto urbanístico, falta de respecto ao noso entorno vital, falta de respecto da política forestal, falta de respecto aos bens públicos do municipio ou do Estado, falta de respecto á lingua propia do país... verdadeiros atentados á convivencia. O amor ao inmediato é fonte de cultura.

E sen cultura -sen cultivo dos ben materiais e espirituais- teremos un país rudimentario, elemental e primario, habitado por xentes tamén rudimentarias, elementais e primarias, zombis só útiles para o manexo de trebellos que nos illan do noso rico mundo inmediato e nos levan pode que a mundos menos ricos e máis pequenos, ou pode que a ningures.