Veño de Madrid, onde tiven oportunidade de visitar a interesantísima exposición sobre Castelao grafista, comisariada por Miguel Fernández Cid e patrocinada pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, a Fundación Mapfre e a Fundación Gonzalo Torrente Ballester: unha iniciativa para proxectar a figura do rianxeiro alén das nosas fronteiras, aproveitando o Día das Artes Galegas que convoca anualmente a Real Academia de Belas Artes de Galicia. Dou conta destes nomes para salientar o papel de institucións e persoas que contribúen a esta clase de eventos, tan necesarios para a proxección da nosa cultura e mesmo do noso discurso no mundo. Na sociedade da globalización estar presente noutros espazos, noutros ámbitos culturais e xeográficos é fundamental mesmo para a propia existencia.
Regreso a Galicia e ao día seguinte asisto á defensa da tese de doutoramento de Miguel Anxo Seixas Seoane tamén sobre a figura de Castelao: “Biografía dun construtor da nación”, dirixida por Lourenzo Fernández Prieto. Dous acontecementos arredor da mesma personalidade histórica, tantas veces citada (mesmo manipulada) e en tantos aspectos tan necesitada de estudo e investigación, fundamental para entender a Galicia contemporánea. A obra literaria de Castelao está relativamente ben traballada. Dende a editorial Galaxia coidouse especialmente este patrimonio. Lembro a edición crítica de Sempre en Galiza que en 1992 promoveron o Parlamento de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, cun equipo de especialistas coordinado por Ramón Maiz. A obra gráfica e plástica está se acaso menos estudada, aínda que con achegas importantes, mesmo por parte do propio Miguel Anxo Seixas. Pero queda camiño por andar.
Non deixa de ser significativo que a tese que comentamos (e celebramos) sexa a segunda que se ocupa da obra do autor de Sempre en Galiza, Cousas, Os dous de sempre… A primeira publicouna Sotelo Blanco en 1997: Sobre a narrativa de Castelao (Manuel Rosales). Pero dende entón non houbo outro traballo destas características, alomenos que eu coñeza. Estas cousas non as poden promover os editores. Teñen que facelo os estamentos académicos e universitarios. Tamén deberiamos reflexionar sobre a escasa publicidade que en Madrid se fixo da exposición do Castelao grafista (cun excelente catálogo). O que non se comunica non existe. A capital está chea de propostas culturais deste tipo (Zuloaga, Picasso, Norman Foster, Mucha) e outras que se anuncian de inmediato (Fortuny). Tampouco parece moi acertado o calendario da mostra, do 29 de setembro ao 26 de novembro, apenas dous meses. Un esforzo destas características, que mobiliza fondos de diversas institucións e particulares, merece mais atención e mais tempo. Dou fe de que en moitos casos nin os máis interesados se enteraron.