Dicía o noso Valle-Inclán que o auténtico don Xoán é o galego, o impío. Mais a súa impiedade (velaí o paradoxo) non nega ningún dogma, non descré, porque todo sucede nun país inocente e arcaico, primixenio, orixinal. Por iso, se cadra, sería máis axustado dicir que o noso don Xoán (é dicir, o de Valle-Inclán, neste caso) é o máis primitivamente intemporal, o que define o prototipo orixinal, o que emerxe dun mundo rural literalmente sen data e sen evolución. Sen Historia. Sen cambios.
Moi distinto é o don Xoán de Gonzalo Torrente Ballester, que tamén se condena, pero non por deshonrar a mulleres senón por abandonalas por medo a perder a súa liberdade. Un don Xoán, pois, moito máis próximo e intelixible que o do propio José Zorrilla, que era fermoso, si, pero demasiado toleirán, insensible e caprichoso.
Teño lido que ao personaxe do don Xoán xa se lle fixeron unhas dúas mil e pico versións, non en van é unha das creacións máis internacionais da literatura. De certo, é un arquetipo que xurdiu nas letras españolas, pero que ten unha longa descendencia en todo o mundo, sobre todo en Europa, con autores como Molière, Samuel Richardson, Lorenzo da Ponte (libretista do Don Giovanni de Mozart), Choderlos de Laclos, Lord Byron, Alexandre Dumas ou Max Frisch. Un personaxe que nunca deixou de ter actualidade e ser o que era: un sedutor. E tamén unha vítima da súa propia sedución.
Torrente atinou ao presentar un don Xoán esencial, que atrae ás mulleres dunha maneira involuntaria por canto el é un fascinador, é dicir, un tipo ao que lle chega coa súa mera presenza para conquistar. Pero Torrente non describe estas conquistas, porque o que lle interesa é descubrir a razón de que don Xoán se comporte así. O escritor ferrolán obtivo unha resposta ao ver unha película sobre un don Xoán que termina casando. Pareceulle unha falsificación tan absoluta que se puxo a escribir o seu libro para averiguar quen era de certo don Xoán. E descubriu que este personaxe é a consecuencia dunha decepción na experiencia cósmica da súa primeira relación sexual. O que vén despois arrinca desa frustración. Un home que pode conquistar, pero non pode amar.