A gaita

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

21 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A gaita é, segundo os especialistas, un instrumento aerófono de múltiples tubos sonoros adheridos a un depósito flexible de ar. Quen sería o primeiro en ter a idea de conectar todos estes elementos a un odre de coiro e facer soar semellante mecanismo? Pois non é fácil de saber, pero probablemente xente humilde vinculada aos labores do campo. Cal podería ser a súa orixe para estar tan estendida por boa parte de Europa e o Magreb, destacando en lugares tan afastados como Galicia, Escocia, Bulgaria ou Tunes? Cuestión difícil de determinar. En Galicia, e dende o románico, abondan as iconografías de anxos gaiteiros en numerosas igrexas, e tamén quedaron innumerables referencias escritas dende hai varios séculos. Quizais poida tratarse do instrumento orixinario da tradición máis popular do continente europeo, abondoso en variantes sonoras e morfolóxicas e clasificado en diferentes grupos. Só na península ibérica hai máis de cinco tipos diferentes. A nosa está enmarcada no grupo das gaitas «europeas occidentais», e en concreto no subgrupo das «clásicas occidentais do tipo atlántico» onde están tamén, por nomear algunhas, a escocesa highland pipe, a irlandesa uilleann pipe, a bretona biniou kozh ou a asturiana. E como a gaita non só é unha definición e datos, senón que é algo moito máis profundo e delicado, do que si estou seguro é de que moitos sentides emoción cada vez que escoitades o seu son, que é capaz de arrincar en vós esa mestura de sentimentos tan nosos como son a melancolía e a ledicia, ao tempo que é como se fose un chamamento ancestral que nos vencella á terra. Non en van, sexa cal sexa a súa enigmática procedencia, leva con nós dende tempo inmemorial e forma parte destacada da nosa identidade.