Todas as aspiracións que de verdade importan ás actuais comunidades sen Estado pode resolvelas o federalismo. As nacións, como entes ficticios que son na súa orixe, están baleirándose de contido ao compartir soberanía con entidades supranacionais que os nosos tempos impoñen e esixen.
Se pode o federalismo resolver todas esas aspiracións, ¿en que difire do nacionalismo? Sinxelamente, en que para aquel o Estado só se debe ocuparse do menor número posible de funcións deixando todas as demais aos entes -Estados federados- que formen parte da unión. O pacto federal de igual a igual, afastado de toda idea de tutela joseantoniana, tan vixente aínda nas nosas «mentalidades de secano», que dicía Castelao, é a norma superior que debe rexer o decorrer da unión. Federar é unir e o nacionalismo non une, que separa. A soberanía compartida vén funcionando de seu nos Estados federais. E nós pensamos que pode haber parellas ou maiores garantías nun Estado federal que asegure o desenvolvemento das nosas potencialidades que nun Estado cunha independencia tan pouco soberana como a dos do noso mundo máis próximo. O problema real é sempre o mesmo: o reparto de competencias e a claridade na súa distribución. Ou sexa, o pacto federal, que debe estar presidido pola vontade de procurar liberdade, pluralidade e igualdade, nunca pola idea de tutela que pode embazar toda a nervadura do pacto federal. De non darse tal cousa, estaremos na autonomía. En Galicia.ao parecer, non interesan estas cuestións, e, politicamente, aínda estamos no século pasado. Algo así como se fósemos un país situado nun afastado continente e non mediatizado e condicionado por unha poderosa realidade, aínda que hoxe con folgos en devalo, que se chama Europa. ¿Así nos preparamos para o futuro?