As visións sectoriais do fenómeno urbano -turismo, mobilidade, rehabilitación, todas as estratexias en torno ao ambiente- tenden a deixar de lado o planeamento. Probablemente aqueles plans urbanísticos dos oitenta, que debuxaban todo porque partían da desconfianza do seu desenvolvemento, xa non son necesarios hoxe. Pero non hai que esquecer que o planeamento permite fixar a estrutura xeral das cidades, das comarcas e das chamadas áreas metropolitanas, e impregnar os cidadáns cunha perspectiva integral.
O porvir vai xirar en torno a tres eixes: as infraestruturas, como vasos comunicantes e non como murallas infranqueables, abocadas a ser redimensionadas coa chegada dun transporte colectivo, eléctrico e seguramente sen condutor; os espazos libres intersticiais, que actúan a modo de conexións e zurcen as superficies edificables; e as áreas agrícolas circundantes, que deben ser repensadas nun esquema integrador, como acontece en moitas cidades europeas.
Santiago de Compostela ten uns magníficos parques e zonas verdes, tanto pola súa implantación física, rodeando a cidade histórica e conurbándoa coas periferias, como pola súa concepción de pulmóns arbóreos e vexetais sen a penas decorativismos. Que sigan así. Os parques de Belvís, Bonaval, A Almáciga, Vite, Música en Compostela, Vista Alegre, Galeras, Paxonal… son o resultado da combinación do planeamento xeral e a súa xestión por un grupo de concelleiros, arquitectos e servizos de xardinería. Espazos libres froito, en moitos casos, de decisións que proxectaron unha mirada de futuro, impedindo que fosen ocupados por infraestruturas e propostas de toda índole para facelos edificables. Contabilizando o Monte do Gozo e o Gaiás, a relación por habitante está entre as máis altas de Europa.
Pero a concepción das zonas verdes tamén ten que evolucionar segundo un criterio de equilibrio. Non todo pode ser superficie axardinada, nin tampouco hortas urbanas; hortas que, por certo, teñen éxito na medida en que á sociedade urbanita galega non lle custa, senón que máis ben lle comprace cultivar a memoria rural da que todos, en maior ou menor medida, procedemos. Non é necesario que todo sexa regado, coidado e prístino. Moitas veces abonda con liberar unha senda nos espazos cualificados como protección de canle, que é o caso das compostelás brañas do Sar e das ribeiras do Sarela, sinxelamente rexenerando a vexetación, limpando ríos e regatos e responsabilizando a cidadanía no seu uso e mantemento.
A conclusión é que non se trata só de planeamento, nin tampouco das fórmulas ambientalistas tan en voga. Hai que mesturar os saberes e as disciplinas e non deixar de pensar no fenómeno urbano mesmo por riba da ideoloxía, que é un instrumento, e das palabras máxicas, outro instrumento; palabras máxicas que, por outro lado, enseguida metaboliza o mercado. Con termos illados e sen contexto, como rehabilitación ou estudos de impacto ambiental, tamén se fan cousas pouco desexables.
En calquera caso, animo a pasear polos espazos libres de Compostela. Seguro que van gozar.