Fóra tutelas

OPINIÓN

18 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Algúns téñenme preguntado a que tutela me refiro cando expoño as razóns que, ao meu ver, aconsellan a solución federal; de onde vén esa suposta tutela e quen a exerce ou pretende exercer. Xulgo de importancia práctica capital esclarecer esa cuestión, dentro do que este espazo o consinta ou permita. 

É idea consubstancial ao centralismo borbónico -prefiro chamalo carpetovetónico-, pero da que non se librou o réxime saído da transición, nin a xeneralidade dos dirixentes políticos, sexan do signo que sexan. Unha idea de tutela, que teño alcumado de joseantoniana, ben expresada polo fascista madrileño cando escribe que «La misión de España es socorrer al pueblo vasco para liberarlo de ese designio al que le quieren llevar sus peores tutores». Un texto entre miles.

Conclusión: a tutela dos vascos, e dos demais pobos de España, corresponde a esta, á que os interesados quedan subordinados. Por imposición unilateral, que non por aceptación ou pacto. O cal, dito por un fascista, é o máis natural. O malo é que esa mentalidade se manteña, e tan viva, en democracia. Porque iso mesmo resulta da propia CE, dos dirixentes próximos a FAES, e moitos outros.

Xa se trate de autonomía ou xa de federalismo, unha e outro aparecen sempre como pantasmas que xorden nas mentalidades carpetovetónícas ou de secano, que dicía Castelao. Porque a idea de tutela que teñen nos miolos embaza a súa visión da realidade, parasita as súas mentes e entangaraña os seus actos.

Son moitas as causas dese tópico tan espallado: incultura política, medo a perder poder e privilexios, insensibilidade para as minorías, autoritarismos herdados da ditadura, imperialismo fracasado... que todo o poñen moi difícil. Pero se non se empeza non haberá maneira de chegar. Empecemos, pois.