Afouteza

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

31 dic 2017 . Actualizado a las 17:11 h.

Os internautas do Portal das Palabras escolleron afouteza como a palabra que define ou inspira o ano que remata. Nas catro edicións anteriores desta experiencia as elixidas foron corrupción (2014), refuxiado (2016), e irmandade (2017). As palabras son a representación simbólica do mundo, a alma das cousas, que dicían os clásicos, tamén a alma das emocións e dos sentimentos. Súmome á marea e elixo eu tamén para cerrar o ano esta palabra, que emerxe de súpeto das profundidades patrimoniais do idioma. 

Alguén a incorporou ao himno do Celta naqueles días do pasado maio cando o equipo vigués xogaba contra o Manchester United na Europa League e, polo que semella, rexurdiu para quedarse. Dende as profundidades patrimoniais, repito, dende os textos da Idade Media, dende os vocabularios do Padre Sobreira no XVIII, os precursores do XIX (Vicente Turnes), O Tío Marcos da Portela (1876), os autores da xeración Nós... ascende coma un meteoro e estoura diante dos nosos ollos neste século novo en que andamos, enchéndoo todo de luz. Quen dixo que as palabras morren?

Afouteza, segundo a definición da RAG, é «disposición do espírito que leva a actuar ou acometer calquera empresa sen temor aos perigos ou dificultades». E tamén: «seguridade que alguén ten en si mesmo, carácter firme». Non vou dicir que sexa a palabra que mellor define o 2017, máis ben penso que os seareiros do Portal apostan por outra cousa: unha actitude nova (e necesaria) diante do futuro, unha declaración de firmeza e de autoestima.

As cousas son na medida en que os seres humanos aceptamos que sexan dunha maneira ou doutra. Fronte ao fatalismo pesimista está a vontade de actuar. Ben o dicía o poeta Elliot: «Ao ser humano correspóndelle o intento». Intentar os cambios necesarios para que o futuro pinte doutra maneira. Na miña opinión, este é o espírito da palabra que comentamos. A realidade pode transformarse con vontade, con intelixencia, con coñecemento, con determinación, e mais con afouteza, sen medos nin complexos. Hai mil razóns para ser pesimistas, abofé, non hai máis ca ler os xornais; o mundo non está a vivir os seus mellores momentos, nin nas grandes distancias nin nas distancias curtas. Mais igual que vemos o lado negativo das cousas, tamén podemos atopar razóns para enxergar a realidade de maneira diferente: a realidade próxima sobre todo, que é por onde podemos (e debemos) empezar, non na retórica das grandes palabras; vontade de empurrar e comprometerse co mundo e a xente que nos rodea, que nos condiciona, pero que tamén nos dá a vida.