O tríscele

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

Otríscele é unha xeometría que aparece regularmente no noso contorno; polo tanto, é relativamente familiar. O seu nome orixinal é Triskell e vén da fusión de dúas palabras en idioma céltico bretón, que son tri=3 e askell=alas, é dicir, «tres alas». Está directamente relacionado coa cultura celta como representación solar, pero é unha forma común en moitas outras culturas próximas -a viquinga, a xermánica- e afastadas -a xaponesa ou as precolombianas-. Podemos velo en camisetas, adhesivos, cerámica, marcas comerciais, como identificador de asociacións culturais, organizacións políticas… A verdade é que a maior parte dos que vemos regularmente son formas importadas de fóra, sobre todo de orixe irlandesa, e, aínda que segue sendo a mesma xeometría de tres alas, as formas galegas aínda nos resultan descoñecidas. Así, cómpre destacar que no museo do castro de Santa Trega, na Guarda (Pontevedra) pódense ver ata seis trísceles gravados en pedra recuperados nas escavacións do castro, moi semellantes entre eles, pero cada un coa súa peculiaridade propia. No museo arqueolóxico de Pontevedra tamén hai algún, como tamén no de Ourense, que conta con varios chegados de diferentes castros da provincia. Hainos tamén nalgunhas casas de diferentes partes de Galicia, poida que orixinarios dalgún castro próximo, sendo aproveitados como pedras ornamentais (curiosidades do coidado do noso patrimonio). En definitiva, todos veriades trísceles en moitos lugares e non lles dariades maior importancia, pero si é bo saber que temos formas patrimoniais propias e que estaría moi ben que as recoñecésemos e empregásemos porque, entre outras cousas, para iso están, para nos protexer, xa que esa, polo visto, é a súa función principal.