Allen revisited

OPINIÓN

Se vostede está ante unha mesa na que homes e mulleres disputan e rifan con paixón sobre Woody Allen (algo común estes días), quizais o mellor sexa que saiba escoitar. Porque o que vén a partir de aí é unha discusión, hoxe seica inevitable, sobre a relación entre o comportamento sexual dos autores ou directores e o contido das súas obras. E isto é extensible a todo. Porque nunca haberá un acordo sobre como separar ambas as dúas cousas, é dicir, a vida privada e a creación artística, xa que esa división é moi difícil se se ten en conta que é unha mesma cabeza (persoa) a responsable das dúas.

Por esta vía, admiradores e detractores de películas como Manhattan, de Woody Allen, están agora sumidos nunha intensa refrega intelectual sobre a culpa e a súa presenza na vida e na obra deste creador. Moitos devotos da súa obra (como director, guionista e actor) non saben qué argumentar sobre unhas películas que simplemente non poden deixar de ver con bos ollos e que lembran cunha admiración irrenunciable.

Todo isto sucede porque hai un cambio real en marcha na nosa sociedade, pero tamén porque sempre fomos demasiado consentidores cos grandes talentos (Chaplin, Polanski etcétera.) ¿Está cambiando algo? Si, sen dúbida. Pero quizais non tanto nin tan definitivamente como cremos. Porque a realidade que ten que cambiar non é só a de Woody Allen, senón tamén a nosa, é dicir, a das xeracións que hoxe estamos implicadas nunha toma de conciencia da nova realidade. O feito radical é esa toma de conciencia dun novo escenario que esixe un cambio e, xa que logo, novos comportamentos vitais.

Quizais algún día lle terán que facer un monumento ao produtor de cine hollywoodense Harvey Weinstein. Os seus abusos convertéronse no mellor argumento para demandar avances sociais nun mundo que sexa máis xusto. Moito antes ca el, outros produtores (e tamén directores e actores) seguro que bateron récords no ámbito dunha sexualidade que nunca se debeu dicir consentida. Pero eran outros tempos. E a ecuación básica dos tempos, como ben cantou Bob Dylan, é que sempre están cambiando. Como pasa agora. E como pasará no futuro, cando todo isto sexa só o borrallo dun pesadelo.