Tempo de Entroido

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

06 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembro de sempre o son das chocas no tempo do Entroido cando ía á aldea de Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo-Ourense). Eran parte dunha sonoridade que combinaba os sons da natureza cos propios da casa en perfecta harmonía. Os entroidos galegos son o espírito dun pobo que se manifesta abertamente nun tempo do ano que, en determinadas áreas, alcanza o tratamento de culto e exaltación de tradicións ancestrais. Tempo que algúns datan na chegada dos suevos a Galicia por aqueles vellos rumbos inmemoriais, que ademais coinciden cos lugares onde tamén se celebran os entroidos máis auténticos da Península, todos eles conectados entre si e en cuxo trazado teñen determinadas connotacións comúns, como as máscaras ou as chocas. Introitus, tempo de adoración do carnal e un bo momento de proba despois da matanza. Magníficos xantares, coa carne como protagonista, acompañados de deliciosas larpeiradas propias do tempo, e regados por deliciosos viños ou licores, que enxalzan ese tempo máxico e único. Cada lugar de Galicia ten o seu propio Entroido coas súas características e peculiaridades propias, pero os da Ulla cos xenerais, os de Laza cos peliqueiros, os de Verín cos cigarróns, os de Maceda e Esgos cos felos, os de Xinzo coas pantallas, os boteiros de Viana do Bolo, os mázcaras de Manzaneda, os volantes de Chantada, o oso de Salceda, as madamas e os galáns de Cobres e tantos outros en fase de recuperación, conforman unha inigualable área de conservación etnográfica e antropolóxica única no mundo. O Entroido virá coma todos os anos, e o que debemos saber é que hai tradicións que son sagradas, que hai que coidar, respectar e conservar para que non deriven nun sinxelo divertimento que non valora o auténtico e xenuíno.