Un novo Marco

David Pintor
David Pintor TRIBUNA

OPINIÓN

Oscar Vazquez

25 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos últimos días, un grupo de artistas galegos rexeitaron a invitación a participar nunha exposición de arte que se vai celebrar no Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (Marco), por estaren en total desacordo co novo rumbo que se lle quere dar á xestión deste complexo cultural. Despois das dimisións, hai un ano do seu director e hai uns días a da súa responsable de exposicións, semella que a situación do museo vigués entra nunha deriva de moi difícil solución a curto prazo. Unha crise causada, fundamentalmente, pola ausencia de diálogo entre os diferentes axentes implicados.

Se o Marco quere ser un verdadeiro museo de arte contemporánea, ten que empezar por facer bo o seu nome e incorporar á programación todos os estilos e manifestacións da arte actual e non só unha parte, como sucedía ata agora. É incomprensible que disciplinas como por exemplo a ilustración, o cómic, ou a caricatura non tivesen oco nos 16 anos de vida da institución cultural, malia protagonizar fitos artísticos importantísimos, mesmo a nivel internacional. Certo que os museos de arte contemporánea son, en xeral, impermeables aos estilos e disciplinas citados, sen máis xustificación aparente que a ignorancia dos dirixentes, pero coido que Vigo e o seu museo deben aproveitar esta oportunidade para abrirse a todas elas, coa única limitación da calidade das obras.

Neste momento decisivo para a institución cultural olívica é imprescindible un diálogo construtivo entre a comunidade cultural e as institucións públicas para que o MARCO poida situarse como verdadeira referencia das artes do século XXI.