As tres grandes andrómenas do nacionalismo español -hoxe só nos referiremos a unha delas-, que conceptuamos como noxentas, son que a educación se fai adoutrinando, que se persigue o castelán nos territorios con linguas cooficiais, e que os nacionalismos periféricos demostran unha visión retrógrada da historia. Só o nacionalismo español está libre deses graves pecados.
Cando se fala de adoutrinamento é manifesto que se ocultan dúas realidades que calquera, sen moito esforzo, pode comprobar, sempre que non teñamos xa perdida a capacidade de raciocinio: que nunca se demostra en que ten consistido ese adoutrinamento seguido de datos concretos que sosteñan esa imputación e que esta só está en certas mentes madrileñas, non nos supostamente afectados ou que deben padecer tales adoutrinamentos.
Así o demostran os datos estatísticos de que dispoñemos, que só acreditan mínimas reclamacións. Poderase admitir, en casos illados, excesos ou actitudes desavidas, pero ningunha fonte desa natureza rexistra a realidade de semellante tópico, e pódese suxerir que esa acusación é pura andrómena.
O curioso do caso é que os que fan semellante acusación calan que hai outras maneiras de adoutrinar, como é ocultar información ou deturpala, casos nos que é especialista o nacionalismo español (esquecerse do informe de Las Casas sobre a barbarie da colonización española en América, ou invencións de Menéndez Pidal sobre o autor do Cantar do mío Cid...).
¿É tan iletrado o nacionalismo español que descoñece eses datos, entre tantos outros? Non o parece. Si semella que é grave pecado seu utilizar os seus medios, que son moitos, para crear un relato, como agora se di, que nada ten que ver coa realidade que se vive. Unha actitude na que ben supera ao doutor Goebbels, de triste memoria.