Sempre gustei da música galega con gaitas. Dende ben cativo sentín algo diferente ao escoitar eses sons. Non sei se é polo tipo de frecuencias sonoras que emiten, que poden ter unha repercusión particular en determinados receptores coma min, ou que xa vimos dalgún xeito programados a través dos xenes. Gústame tamén todo aquilo que sabe, ule e lembra a aldea. O que, co pouso que dá o paso do tempo, vai adquirindo autenticidade. Creo que hai sons, sabores e percepcións que forman parte do xa vivido por outros e que herdamos ao nacer. Un xeito de emocionarse, de sentir, de comportarse, que nos fan ser como somos. Convencido estou de que non son froito da casualidade senón que todo é como un «algo» ancestral que se vai pulindo con outro tipo de factores externos como o ambiente natural e humano, o clima, a alimentación, as tradicións... Somos o resultado dun conglomerado de culturas que foron chegando en diferentes momentos da nosa historia por terra e mar, e é fascinante comprobar como, dende un extremo ao outro, somos tan iguais. Chama poderosamente a atención que tendo un potencial tan vasto sexamos tan pasivos ante o noso propio desleixo, que día a día é máis evidente na nosa paisaxe, arquitectura, idioma, recursos... O minifundio é unha gran beizón que ten esta terra e que nos fai a todos posuidores dunha pequena porción dela, pero transcende do meramente físico e terreal e afecta dunha maneira directa aos comportamentos, eses que impiden moitas veces que sexamos capaces de dar pasos en direccións positivas, lastrando grandes oportunidades de avanzar colectivamente. Pero ollo! Nada que non se poida reverter como é debido, por algo chegariamos ata aquí cunha historia e unha cultura como a que temos.