O señorito da Reboraina

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

01 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Novas noticias do señorito da Reboraina, debería titular este artigo. Novas ou vellas, segundo se mire. O profesor Barreiro Fernández e o editor Eduardo Riestra veñen de recuperar un dos textos máis interesantes e menos coñecidos da literatura de viaxes do século XIX: Los países del extremo oriente (Ediciones del Viento), autoría de don Juan Manuel Pereira (1820-1896), o don Xoán Manueliño da novela de Ramon Otero Pedrayo que dá título tamén a esta marea. Otero publicou a novela, que o historiador Barreiro califica de crónica novelada, en 1960. O libro de Juan Manuel Pereira, fidalgo da casa grande de Reboreda (Redondela), «deputado en Cortes, conspirador republicano, polígamo, xeneroso dilapidador da súa gran fortuna, posiblemente masón» en palabras do historiador, publicouse por primeira vez en 1883 (Gaspar Editores, Madrid), con atractivas ilustracións de Enrique Alba que se reproducen na presente. Trátase dun longo relato ou crónica na que o autor describe a súa viaxe dende Madrid ata o imperio da China e os reinos de Siam e Annam (hoxe Tailandia e unha parte de Vietnam), embaixador plenipotenciario da Coroa de España no ano 1871, ida e volta, regresando por Exipto, onde visita Alexandría e as pirámides. A inauguración do paso de Suez fora en novembro de 1869. Trescentas páxinas fascinantes, tanto polo que conta, narrado dende a curiosidade do europeo que se achega por primeira vez a culturas tan distintas, como pola personalidade do singular protagonista, tal que inspirou a novela de Otero. Lendo ambos os dous libros decatámonos da documentación que o de Trasalba utilizou para construír o seu relato. O profesor Barreiro xa subliñara de antes a historicidade da novela. Non se trata dun enredo literario, nin un simple divertimento. Pereira forma parte dese universo de personaxes únicos, característicos dun tempo moi determinado, que o autor de Os camiños da vida gustaba de levar á literatura, máxime cando neste caso existía certa relación de parentesco entre as familias. Casiano Martínez, fillo de Vicenta, irmá de Narcisa Blanco Novoa e Temes, esposa de don Xoan Manueliño, casara con Lucila Pedrayo Ansoar, irmá de dona Eladia, a nai de don Ramón, quen algunhas tempadas pasou na casa grande de Reboreda, a Reboraina literaria. Daquela sentira historias que seguen vivas na memoria popular: fazañas de amores, levantamentos e conspiracións, proclamas revolucionarias, exilios, asaltos nocturnos, mesmo a un convento en Ourense para rescatar a que sería a súa lexitima, cunha amante en cada porto, que seica trouxo unha da China e outra tiña no Berbés, e aquelas arroutadas de señorón de antano, a guindar moedas á rapañota pola graza de ver os cativos brincar tras delas. Soterrárono en Rebordela. Mais hoxe ninguén sabe da súa campa.