O teito é de pedra

OPINIÓN

02 abr 2018 . Actualizado a las 11:26 h.

Dúas grandes veñen de recibir os premios María Casares: Rosa Alvárez e Mabel Rivera, que representan a primeira xeración de actrices do teatro galego contemporáneo. Nos últimos Premios da Cultura Galega, dos sete apartados que os constitúen, cinco premiadas foron mulleres: Xoana Torres, Berta Álvarez Cáccamo, Mabel Rivera, Uxía Senlle e Cristina Pato, dato rechamante se se comparara co de cinco anos atrás, cando non houbo ningunha. Na última década agromaron moitos nomes femininos na literatura galega, algúns recoñecidos con premios como o Nacional de Literatura Infantil, de Ledicia Costas, ou María Reimóndez, cunha importante proxección, ou a inxente produción de Inma López Silva, ou a anovación e a frescura do dúo poético musical Aldaolado, por citar só algúns nomes dunha listaxe que non fai senón medrar. No mundo do traballo a porcentaxe de mulleres profesionais da cultura ou do espectáculo chega, por vez primeira, a superar o 4 % (aínda o 1,5 % menos ca os homes). Na Administración do ámbito cultural, as mulleres son maioría entre o persoal técnico e administrativo e tamén entre os cargos directivos e intermedios, e a área de cultura dos concellos galegos é responsabilidade dunha muller case no 50 % dos casos.

Pero nas asociacións profesionais son maioría os homes: actores, músicos, artistas plásticos e escritores. Entre os colexios profesionais e sindicatos elas só son maioría no de xornalistas. Nas artes plásticas están practicamente desaparecidas, por máis de sabermos do moito talento que loita por facerse ver e chegar a ser un medio de vida. Nas empresas culturais, a maioría dos cargos directivos están ocupados por homes. Nos medios de comunicación a presenza feminina tamén é menor como directivas e descende canto maior é a responsabilidade desempeñada. En dous sectores fundamentais como o audiovisual e a edición, o número de mulleres con altas responsabilidades segue a ser inferior. Son tamén menos os libros publicados e as películas dirixidas por mulleres. E no ámbito das orquestras sinfónicas, a presenza dos homes é maioritaria e o acceso á dirección, practicamente nulo.

O teito neste sector si que se ve e xa non serve a metáfora do cristal: este é un teito de pedra que non permite ignorar a anomalía destas diferenzas, e máis co paradoxo de que son maioría nas aulas, as que máis len, as que máis visitan museos e van as exposicións, as que utilizan máis as bibliotecas, e, ademais, están por riba da media española. Esta realidade, non por evidente menos ignorada, queda confirmada polo Consello da Cultura Galega que vén de poñer as lentes violeda ao incorporar a variable xénero na súa recente Diagnose da Cultura galega, datos para unha estratexia cultural no século XXI. O resultado non precisa de adxectivos para constituírse en denuncia. Non hai escusa.