Por prescrición médica, non na procura das musas ou do bo manexo do cálamo -a pluma que determina e nomea, a que risca con tinta de luz, predestinado símbolo-, dende que medraron un chisco os días, paseo pola Insua dos Poetas. Puiden comprobar así, in situ, os beneficios dunha palabra nova: sinalética. Termo que non figura no dicionario da RAG pero debería, porque abrangue todo tipo de letreiros estáticos. Dende os que terman dos topónimos ata os indicadores de accidentes xeográficos, monumentos, rutas de sendeirismo... Con só tres desas sinaléticas nas que consta o espírito da Insua -«natureza, literatura e arte»- e media ducia de frechas que marcan as distancias, o sitio gañou promoción e visibilidade. Multiplicáronse as visitas, día a día, corazón a corazón… Unha marabilla! Resulta interesante percorrer canda iles espazos e recantos nos que os volumes -a través da pedra, do bronce, da madeira e do ferro- elevan os acordes máis puros da auga e rescatan voces da memoria: Díaz Castro, Celso Emilio, Blanco-Amor, Pura e Dora Vázquez, Paco Luís Bernárdez, Carlos Casares… os versos dos tres grandes do Rexurdimento: Rosalía, Curros e Pondal. A meirande parte dos que chegan son mocidade, ben en grupos, ben emparellados. Nada máis velos, dende lonxe, adivíñanse as intencións. Algúns, antes de se encamiñaren, preguntan, demóranse, rin, intercambian pareceres… Outros nin saúdan, seguen vieiro de por si, prefiren a propia descuberta… Nunca pensei que o meu soño dun territorio libre coa música das árbores renxendo co vento, co bris deitando herbiñas ventureiras en homenaxe, erguéndoas en rebeldía, albergase tantos misterios. Cada abrente, cada empardecer, cada regato, cada bidueiro, cada merla que canta, con neve ou vestida de outonizo, a Insua figúraseme distinta, cambiante, irrepetible. Mais non é do caso pórse líricos. O que quixera transmitir hoxe, alén da emoción, é a presenza humana e a súa resposta perante unha paisaxe que dialoga con creacións artísticas e textos literarios alusivos. Vaise humanizando a Insua, e boa proba é a estreira de preservativos que descubrín, eses días de atrás, na congostra da Ponte do Eixán. Se as parellas acoden eiquí a faceren o amor, dixen para dentro, temos garantida a pervivencia. Iso si, cavilei logo, colocaremos un cartaz para que recollan os profilácticos, animándoos a volveren polo día.