Nun país normal un conservador non é cualificado sen máis como retrógrado. O que ocorre é que hai países nos que hai moi pouco que conservar. Referíndose aos conservadores deste país, dicía Antonio Machado que se demostrou que a caspa era o único que querían conservar.
Á marxe desas consideracións, non hai a menor dúbida de que un partido que é contrario á prohibición das corridas de touros, que defende o copago (ou repago, que algúns prefiren), que é contrario ás penas específicas para os supostos de violencia de xénero, que defende o despido sen causalidade, que pensa que o aborto e as mulleres yihadistas tamén son violencia, entre outras lindezas, está moi lonxe de ser un partido de «centro esquerda», como en 2008 predicaba o señor Rivera da súa formación política e cae de cheo dentro da órbita do retrógrado.
Se todo iso é o que queremos conservar, non sei quen se pode declarar conservador neste país. Un conservador inglés é lóxico que queira conservar a rica tradición política que herdou; pero, ao meu ver, un conservador español só será retrógrado se defende ocorrencias semellantes ás antes expostas.
Por outra banda, a política á contra que practican algúns, entre eles o indicado, ten un grave risco: que non resolve os problemas, que os deixa pendentes e, por iso, remata complicándoos. O exemplo máis á vista é o da incapacidade duns e doutros para entender e encarreirar a diversidade -a riqueza- deste país.
Todo semella indicar que a política grande vai seguir ausente. Xusto a política que hoxe cómpre. ¿De que proxecto común se pode convencer á sociedade se queremos conservar o que habería que desbotar e se ademais facemos política á contra dos problemas que non sabemos resolver? ¿Ou non está claro?