Asegunda etapa da miña viaxe aos EUA comezaba no aeroporto de Milwaukee, onde me despedía dos bos momentos vividos co meu prezado amigo Gabriel Rei Doval, e da friaxe que pasei coas tremendas nevadas caídas alí. Os aeroportos americanos, por todo o que supón o seu sistema de seguranza, son unha aventura que pode chegar a ser incómoda, mais eu desta volta, a pesar dos moitos voos, tiven sorte. De Milwaukee voei a Dallas e de alí a Lubbock (Texas), que era o meu destino. Na súa contorna absolutamente chan e bautizada polos primeiros colonizadores españois como as «chanceiras estacadas» chaman a atención, dende o ar, as inmensas plantacións de algodón, que polo sistema de rego son redondeadas, e mesmo moi rechamantes, semellando algo fóra do normal. Nesta cidade recibiume a profesora Carmen Pereira, galega de Vigo, estupenda anfitrioa e guía local grazas á cal coñecín xente moi interesante, como o doutor Xaquín Lado, galego de Ferrolterra, emocionado de recibir a outros galegos e que me deu a probar uns fantásticos viños cultivados e recolleitos por aquelas terras. Por indicación de Carmen, participei nun interesante panel sobre «identidade e resistencia» dende a perspectiva da música, no que tamén estaba a cantante americana Martha Redbone. Xa ao día seguinte, na charla que eu impartín sobre a influencia da música galega en América e cun aforo practicamente cheo, de entre os moitos datos que dei falei do curioso e enigmático caso do gaiteiro galego de Texas, que chamou moito a atención. Logo da charla coñecín un auténtico gaiteiro texano chamado Jordan Langehennig, The Piper of the Plains, un fantástico músico de orixe sefardí co que compartín momentos de foliada intercultural. Experiencias inesquecibles baixo o espectacular ceo texano.