O gaiteiro de Texas

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

Moitas voltas se lle deu á gravación feita nos anos 50 na Arxentina, na que un gaiteiro galego tocaba como solista acompañado por unha típica banda country americana. Este disco contiña dous temas, o moi coñecido Oh Susanna, composto polo cantautor americano Stephen Foster no ano 1848, e que foi un dos máis populares himnos para os buscadores de ouro da época, e outro chamado Two Faces Heart, orixinal de Don Canton e John Nagy, cunha sonoridade que lembraba eses antigos sons da música irlandesa tan presentes no country. Pero aquí o curioso é escoitar unha gaita galega como instrumento solista, e o asunto era saber quen se agochaba detrás do nome artístico de O gaiteiro de Texas. Falouse durante un tempo, sen moitos datos contrastables, que un tal Domingo Ferreiro puidese ser quen andara polas contornas dos áridos Llanos estacados de Texas, e quizais fose o protagonista desa gravación. Domingo Ferreiro foi un gaiteiro moi popular en diferentes coplas coñecidas entre os galegos da Arxentina, e protagonista tamén dun poema do bonaerense Raúl Gonzalez Tuñón. A imaxinación botouse a voar con este precursor do folk moderno e personaxe enigmático aureolado de misterio. Pero a investigación rigorosa feita polos xemelgos ourensáns Félix e Castor Castro Vicente abriu camiño e puxo as cousas no seu lugar, descubrindo que o de chamarlle gaiteiro de Texas era unha estratexia comercial artellada por un home chamado Horacio Malvicino e outros colegas da época, que se baseaba en poñer nomes americanos a traballos feitos na Arxentina; polo visto, deste xeito, as vendas funcionaban mellor. Por certo, o renomeado gaiteiro de Texas era en realidade o excelente clarinetista con raíces ourensás Panchito Cao. Menos romántico, pero real como a vida mesma.