Amor á complexidade

OPINIÓN

21 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das cousas máis fermosas que dixo María Victoria Moreno, e dixo moitas, como acredita o espléndido libro do profesor Alonso Montero, editado por La Voz de Galicia, é que a súa relación coa lingua galega foi de amor, algo que nos abre a moitas posibilidades e que, ao meu ver, pode ter un alto valor exemplarizante xusto nunha hora coma esta en que agora vivimos, tan pouco exemplar.

Pensando nesa afirmación da cacereña por amor galeguizada, paréceme que moito teriamos gañado se nas naturais tirapuxas políticas, no canto de alporizamento e afán de anular ao contrario, tivésemos procurado todos encararnos coa realidade con máis respecto a ela e aos que tamén queren transformala. ¿Ou é que coidamos que debemos seguir encirrando sentimentos e tópicos territoriais, ou empregar os medios para poñer en circulacións trolas absurdas, ou substituír a política polos xulgados?

O problema é a sorprendente incultura que sen miramento ningún exhiben os nosos representantes -e non só eles- ao se encararen cos principais problemas que nos afectan. Un exemplo entre tantos outros -pero este é paradigmático- é o do estúpido conflito catalán. Un problema de cultura, tanto ou máis ca político.

Porque cando unha política non entende os problemas das minorías, que non son nunca un problema para unha política de verdade, como nos ensinou Denis de Rougemont, ou nos alporizamos porque non quixeramos que o problema existise, estaremos sempre diante dun claro fracaso político.

O problema, pois, é amar a complexidade. Porque o que a ama está amando a riqueza. O que non a atura -os ditadores e semellantes- quédanse sempre na simplificación. O noso mundo é máis complexo cada día. Por iso, tratar de dirixilo dende a simplificación é sinxelamente desgoberno.