Política do pan

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

25 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos a vivir a era da política do pan. Cal é esa? A de fiarlle ao veciño e cobrarlle a final de mes ou cando poida? Non, iso só o facían os panadeiros de verdade, os que chegaban anunciando co seu chifro a chegada á aldea ou vila, todos enfariñados, con olleiras de non durmir polo traballo pero de ter a conciencia tranquila por fiarlle o xénero aos máis necesitados.

A política de hoxe debera rexerse por eses principios, pero non toman o pan como modelo nese sentido. Os políticos de hoxe o único que teñen en común coas panadarías é o feito de amasar. O que sexa. Iso si, en beneficio propio.

Amasar cartos, que chegan a converterse en fortunas (por moito que as agochen lonxe do país no que nos obrigan a tributar aos míseros mortais). Ou amasar títulos académicos (cando menos quédame o consolo de que aínda queda fachenda da cultura).

Ou amasar frases fermosas para o electorado que logo non se aplican a uns mesmos. Amasar promesas que xamais pensaron cumprir. Bolsos, traxes... que máis ten. Todos amasan, para si. Varren para a casa! Pero para a casa dun. E falando de casas... Eu creo que ou son parvos e métense na boca do lobo querendo, ou están tentando facernos parvos ou desmemoriados. Non entendo nada desta política do pan, a de amasar. Amasar votos, amasar poder.

Xa me gustaría que amasasen educación e traballo, logros, subidas salariais, creación de empregos dignos. Pero non. Iso non leveda.

Pois moito ollo, porque despois queda enfornar. E case todos se están queimando.