Vivimos no país das brétemas, onde cada val ten un microclima distinto e no que a humidade predomina. Podemos ver en cuestión de minutos como se forma unha nube e como nun trazo de poucos metros pasamos de ter un sol radiante a meternos nun neboeiro mesto. Onde, como teño visto eu moitas veces, nun lado da casa chove e noutro non cae nin unha soa pinga. Tamén temos ese orballo persistente, que é a nosa choiva característica, a que algúns definen como arte e outros como poesía, e aínda que semella que non, si que molla; tan boa para a terra como ás veces letal para determinadas colleitas, sobre todo agora que pode chegar a destempo porque non é doado entender o que pasa nas diferentes estacións, a pesar de que hai quen se empeñe en dicir que o clima non variou, mais quen o observa acotío sabe de sobras que si, e moito. Galicia é verde e vizosa grazas a esa beizón tan propia dos pobos desta parte do Atlántico que é a choiva abondosa, aínda que tamén é lóxico e comprensible que moita xente se queixe polo exceso. Un dos tesouros máis prezados que pode posuír calquera pobo é o de ter auga dabondo, a que cae do ceo, que nutre os ríos e os acuíferos e que, claro está, repercute directamente na calidade de vida. Esa auga é a que mantén a terra fértil e vizosa, así como unha paisaxe excepcionalmente verde. Temos un clima oceánico marcado pola presenza dese gran mar maior que é o Atlántico e iso tamén fai que teñamos unha visión particular da vida e do mundo, nin mellor nin peor, só diferente. Iso fainos ser como somos e dános a posibilidade de entender idiosincrasias con características similares ás nosas, ao cabo, e como di o título dun dos libros de Suso de Toro, somos un dos pobos das brétemas.