A hora da verdade

OPINIÓN

04 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora empezan os problemas, a procura da súa solución. Era claro que non podía resolvelos M. Rajoy, por varias razóns, entre elas porque un sistema tan corrupto nunca se rexenera. Facer máis ricos aos máis ricos e máis pobres aos demais é que fixo con máis eficacia. E tamén con displicencia pouca política. Nunca entendeu, nin quixo entender, unha política decente para as cuestións territoriais (líos, no seu vocabulario), nunca lle preocuparon as arrepiantes desigualdades que a súa política económica creou, nunca ocultou que a súa política era decididamente contraria ás liberdades e aos dereitos humanos, e desnaturalizou a vida parlamentaria,porque declinou facer política para que a fixesen os tribunais, avivecendo os problemas territoriais co conseguinte desprestixio das institucións. Con ese herdo, é visto que o novo presidente ten por diante unha tarefa na que moi ben pode fracasar, a non ser que faga o único que neste momento debera facer: preparar nun tempo non longo unhas eleccións xerais das que deben saír opcións claras de goberno, moi distintas das que hoxe ten. E pode facer algo máis, tamén moi importante: cambiar as maneiras de gobernar, escoitar, procurar consensos e pactos e, sobre todo, que todo se vaia facendo nun ambiente de colaboración e nunca máis de enfrontamento, de dialéctica amigo inimigo, de anulación de opcións que poden que non gusten pero que son defendibles e lexítimas. Pode que esa sexa a primeira e máis frutífera tarefa que lle agarda, un novo estilo. Pois é indispensable volver a crer na acción política, única maneira de acabar co escepticismo que hoxe vive a nosa sociedade. Unha urxente tarefa política. Aí veremos se o novo presidente vai ser un político ou outra cousa. Comeza a hora da verdade.