Nin alma nin corazón

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

Estou fondamente consternado co trato que o actual Goberno dos EUA dá aos inmigrantes, lugar noutrora de acollida e oportunidade, terra multicultural e democracia imperfecta pero consolidada. Tamén co que está a suceder en Europa, este primeiro mundo, berce de grandes valores humanos, terra de benestar e lugar do que noutrora partiron millóns de seres humanos en condicións deplorables a traballar e vivir a mundos mellores. Horrorízame ver con que frialdade, pouco interese e hipocrisía estamos a tratar o drama das persoas que chegan ás nosas costas despois de pasar calamidades inmensas, en moitos casos traendo consigo o máis prezado que calquera ser humano pode ter, os fillos, e como a crueza dese mar que pretenden atravesar os trata e ás veces ata os engule sen compaixón, mentres nós observamos dende os nosos cómodos sofás, e mentres os políticos fan gala da súa ineptitude á hora de tratar o problema, por non falar das lindezas que hai que escoitar e ler, propias de quen non ten nin alma nin corazón. É devastador para quen ten sentimentos ver como lle arrebatan as crianzas ás nais ou aos pais pechándoos en gaiolas como se fosen animais camiño do matadoiro, e así día tras día. E nós, descendentes directos de quen tiveron que marchar por mor da fame ou fuxindo das represalias dunha guerra fratricida aínda non somos capaces nin de lembrar as calamidades que pasaron non hai tanto tempo, que en contexto non son moi diferentes ás que vemos na actualidade, nin somos quen de reverter esa tendencia tan propia deste mundo que é a de mirar para outro lado. Oxalá muden algúns comportamentos, cambien para ben e non teñamos que volver sufrir o que outros sufriron e sofren mentres seguimos tan a gusto no sofá dos nosos confortables fogares.