Entre as eivas desta era tecnolóxica, en concreto na comunicación electrónica, algús botamos en falta os panfletos, en papel. Certo que a publicidade comercial impresa segue devecendo -cousa de agradecer cando abrimos o buzón- mais no tocante a pasquís e outras follas soltas, destinadas a denunciar tropelías ou a adoutrinar á xente, a mingua foi total. Nos meus tempos de estudante na USC -entre o tardofranquismo e a transición- as panfletadas eran cáseque diarias. Fomos testemuña, daquela, da mellora do produto; desde o escrito esborranchado e chafalleiro das vietnamitas artesanais ata a deslumbrante cuatricomía, froito do aparato de axi-pro dalgún grupo maoísta. Tamén contaba, e como non, a estética. Sábeo ben quen andivera na distribución, non por arriscada carente de beleza. Se as maus eran lixeiras, se se lle daba xeito á bota, a resultante chuvia de consignas voandeiras era fermosa, digna de ver. Sobre todo nun marco aberto. Impresionante! Ignoro se alguén se ten preocupado de estudar os efectos da propaganda na lingua galega. O panfleto contrario máis citado, anónimo como obriga o xénero, ben seguro que foi cousa do autoodio dun galego falante con serios problemas para «cortar el castellano». Aparecido a mediados dos 40 na Coruña, con pé da Imprenta Sindical, paga a pena reproducilo: «Hable bien. Sea patriota. No sea bárbaro. Es de cumplido caballero que Ud. hable nuestro idioma oficial, o sea el castellano. Es ser patriota. Viva España y la disciplina y nuestro idioma cervantino. ¡Arriba España!». Repasando os sumidoiros das redes sociais, calquera pode atopar, a día de hoxe, comentarios máis ou menos semellantes. Por suposto que o contexto actual é moi distinto e os efectos, por fortuna, menos nocivos -menos tóxicos, dise agora-, porque o que importa é a actitude. E niso, seica, melloramos. Coma decote, as opiniós e as receitas, veñan de onde veñan, hainas para todos os gustos. Pero a realidade imponse: o galego segue indo a menos e nunca se falou, e escribiu, tan mal. Se niquitate era o redactor daquel oprobioso panfleto franquista, niquitates varios segue habendo. Palabra real e viva, por certo, que non figura no dicionario da RAG, real por monárquica, supoño.