Nacido en 1805 no popular barrio da Moureira en Pontevedra, está considerado como o derradeiro pirata do Atlántico. Benito Soto de Aboal, home de corpo espigado era despiadado e sanguinario, e esa fama veulle en gran medida pola abordaxe ao buque mercante británico Morning Star. A crueldade dos feitos alí acontecidos convertírono, dende aquel intre, en inimigo declarado dos ingleses. O bergantín brasileiro Defensor de Pedro foi o barco onde comezou, adicado ao tráfico de escravos, partira de Rio de Janeiro en 1823 e na costa da actual Ghana (Africa) sufriu un motín a través do cal Benito Soto fíxose co mando; e segundo conta a historia, despois do encontro co Morning Star pintouno de negro para rebautizalo como o Burla Negra, tremendo nome para un barco pirata que non andaba precisamente con bromas. Unha das cousas que máis chamaba a atención era a xuventude dese desalmado capitán que con pouco máis de 20 anos xa era un auténtico perigo dos mares xunto co seu segundo de a bordo, Victor Barbazán. Despois dun bo feixe de abordaxes, saqueos e masacres, Soto e os seus homes tiñan pensado retirarse para gozar dos tesouros roubados e dirixíronse ás costas de Cádiz, onde tiveron un inoportuno embarrancamento. Alí varios dos seus tripulantes foron detidos e axusticiados na mesma cidade mentras que el conseguiu fuxir ata Xibraltar onde, despois dun ano, foi recoñecido, detido, xulgado e condenado a morte na forca. E conta a lenda que cando estaba coa soga no pescozo a piques de ser colgado dixo algo así como: «Señores, rematou o espectáculo, ata aquí chegamos». Burla negra ata o fin, que de tan alto que era chegábanlle os pés ao chan e tiveron que furar o patíbulo para poder consumar a súa morte, sendo despois descuartizado naquel ano de 1830 como escarmento para outros piratas.