A morena de México

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Avanzóunolo con seguridade Luciano Concheiro hai dúas semanas cando participou no congreso TransruralhistoryCompostela e así foi: «Desta gaña López Obrador a Presidencia e non haberá pucheirazo como en 2006». Daquela perdera oficialmente por menos do 1 %, nun sistema electoral sen segunda volta, e as denuncias de fraude chegaron ata hoxe. Amais de Luciano, colega agrarista tan galego de pai como mexicano de nai, tamén o avanzara Sergio Sarmiento, o grande gurú dos analistas e pronosticadores daquel país; as súas prospeccións e análises de sondaxes daban inmensa verosimilitude a unha vitoria da esquerda longamente demorada e longamente freada e preparaba aos poderes fácticos mexicanos para o que vai vir.

Por que agora? Primeiro porque xa non se podía repetir o de 2006 nin se podía seguir freando a vitoria da esquerda no país da mitoloxía revolucionaria americana por excelencia. Estas eleccións compáranse xa coas de 1910 que deron paso á revolución mexicana e de seguro que hoxe na prensa evocarán o Berro de Dolores que en 1810 abriu a xeira da independencia no Virreinato de Nueva España, que era o nome colonial de México, incluíndo gran parte do territorio que hoxe conforma o sur dos EUA. Tal é a dimensión da mudanza que espera vivir o terceiro país de América en poboación. Ao triunfo de López Obrador tamén axudou Trump, dende o seu inmenso desprezo racista e xenófobo a todo o que queda ao sul de Río Grande. Nestas circunstancias moitos en México preferiron Obrador a vender o seu voto -antiga práctica que segundo denuncian segue activa- porque necesitan un presidente forte que sexa quen de defendelos e falar en voz alta no mundo e fronte ao veciño do Norte. Xa se sabe que México está demasiado lonxe de Deus e demasiado perto dos Estados Unidos.

Este triunfo do novo Presidente da República foi tamén o da esquerda mexicana, na que teñen un lugar ben gañado os fillos e netos dos nosos exiliados. Entre eles algúns notables académicos e investigadores como os Concheiro ou os Viqueira, tamén os netos de Wenceslado Roces, catedrático de Dereito Romano de Salamanca e tradutor do Capital ao castelán, entre moitos máis. Non son os gachupines ridiculizados en Valle Inclán, senón herdeiros daqueles milleiros que chegaron despois de 1939 e que nutriron as universidades e os laboratorios. Contouno Luciano Concheiro para V-TV hai algún tempo.

López Obrador acompaña o seu triunfo da vitoria de Morena como partido nas dúas cámaras lexislativas, gobernos dos estados, alcaldes e concelleiros ate un total de 18.000 postos públicos que se someteron a elección este domingo día 1. O terremoto institucional é histórico e por iso a primeira mensaxe do novo presidente é unha chamada á reconciliación entre mexicanos, un clásico sempre necesario dende o tempo da revolución. A novidade que se abre afectará a toda América e por iso o segundo anuncio é unha reafirmación da democracia mexicana que afaste as dúbidas venezolanas ou nicaraguanas. Despois virá todo o demais, a corrupción institucionalizada o narcotráfico, a emigración, Trump, os feminicidios. Traballo van ter.