Bromas

OPINIÓN

08 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Fun obxector de conciencia, pero, aínda así, sufro a mili nesas conversas ateigadas de anécdotas doutros amigos que si tiveron que pasar por ela. Calquera pretexto é bo para introducir o tema e castigarte coas aventuras dun período inútil ao que, con todo, moitos lles tiran certos beneficios como o de apañar grandes amizades ou facerse home de vez. Nesa formación contaban, é moito, as bromas, as máis das veces brutais, infrinxidas aos recrutas.

Esa didáctica da novatada poida que tamén estea detrás da mente escura dese monitor adulto que lle pon medo a un neno antes de que este se guinde nunha atracción dun campamento de verán. O vídeo, viral, recolle o pánico dun cativo que escoita frases medidas para inspirar un medo atroz. Pero o máis terrible do asunto, á parte do sufrimento do neno, é que esa escena está autorizada polos seus propios pais. A xustificación dos adultos é que se trata dunha broma sacada de contexto. En fin, isto lembroume a un pai que un día se lle achegou a un vello profesor para lle pedir que batese no fillo tanto ou máis do que xa batera nel.

Triste, moi triste pensar que se pode transformar o medo e a tortura en algo positivo, ou que unha broma fomente algunha clase de ironía. Non, a educación é algo moito máis delicado e complexo. Por iso, comprendo a queixa dalgúns profesores cando poñen o foco dos problemas dalgúns nenos nas súas propias familias. Un meu amigo que gusta de falar claro e con palabras redondas, ten unha fórmula infalible para esas nais ou eses pais que cuestionan o seu traballo. A receita non é outra que chantarlles, a xeito de broma, que para ser profesor hai que estudar unha carreira e pasar unha oposición, algo que non acontece para ser nai ou pai.