As rúas falan de nós

Xerardo Estévez, Arquitecto e exalcalde de Santiago PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

14 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As rúas e as prazas que ocupamos todos os días falan de nós. Hai que oílas para escoitalas, velas para miralas; observar como nos saudamos, como se entra e se sae dos edificios, como se manifesta a exclusión; fixarse na circulación dos coches e das persoas, que se cabrean no interior dos vehículos e, en cambio, piden escusas cando tropezan na beirarrúa; ver xogar aos rapaces, se o fan, ou á vellez que se move lentamente ante un apresurado semáforo… Son espazos sensuais, hai que ulilos para sentilos: a pobreza cheira, a ostentación arrecende.

Deixemos que as rúas falen como espazos abertos de encontro onde poidan soar as palabras, repartindo con audacia e rigor os centímetros de circulación rodada e peonil, libres de tantos artefactos obsolescentes concibidos para impedir aquilo que motu proprio os cidadáns non fan, bolardos, papeleiras e farois por onde queira, obxectos tan ben deseñados como perdidos que nos fan tropezar. Necesitamos lugares flexibles en función dos usos, con árbores dispostas tendo en conta as luces e as sombras e deixando oco para que poida asubiar o aire, tal vez con algunha escultura que dialogue coa arquitectura para configurar o espazo público. Compostela está chea de bos exemplos.  

Hai que pactar o uso da rúa, porque ese proceso de ocupación sistemática con mesas e cadeiras impide a comunicación cidadá. E cómpre proxectar unha visión autocrítica, porque quen desfruta das terrazas? Os turistas non son extraterrestres; somos nós os que alugamos os apartamentos turísticos e viaxamos en masa, quizais porque non hai outra maneira. Non cabe ignorar o noso ser múltiple, diverso, contraditorio, para deixar nas mans das Administracións a solución de todos os problemas das cidades.

Se as rúas falan e poñemos os oídos atentos ao que pasa, pensando no que vai acontecer no inmediato futuro, darémonos conta de que, coa progresión de desesperadas migracións africanas, eles van ser os novos habitantes que compartirán connosco as rúas, chamadas a ser unha vez máis as palestras onde se resolva a concorrencia e o conflito.

Á hora de proxectar ou remodelar a rúa, hai que facer un exercicio de humildade. Arquitectos capaces de facer dialogar o edificio co espazo urbano, porque a arquitectura non admite dualidade; enxeñeiros que vexan máis alá dos parámetros técnicos de mobilidade; administradores cunha visión global do que acontece nese territorio común.

A City londiniense é o arquetipo da privatización do solo en proveito do trafego financeiro. Pero pronto non haberá nas cidades recursos dabondo, nin superficie libre, para construír máis dispositivos ao servizo do tráfico. Por tanto, trátase de deixar de deseñar pezas e de controlar a convivencia con normas e códigos, esquecendo a necesidade doutro control colectivo chamado educación.

Pero quen está disposto a xestionar a rúa todos os días do ano, as 24 horas do día, para repartir os seus usos, para que todos caibamos? No entanto, penso que os Parlamentos e as rúas son os mellores amortecedores para concertar as posicións adversas.