Os cérvidos aparecen representados nos petróglifos galegos dende hai máis de 4.000 anos. Particularmente abundantes no concello de Campo Lameiro (Pontevedra), alí atopamos dúas das máis grandes representacións deste animal, en concreto na Laxe dos Carballos e na Laxe da Rotea de Mendo. Hai tamén, nesa contorna, cérvidos en escenas de caza en manda ou acompañados de diferentes figuras xeométricas como cruces, círculos concéntricos ou labirintos entre outras. Tivo que ser un animal moi abondoso, cunha importancia social e relixiosa grande para que apareza representado de xeito tan abrumador sobre as outras especies animais que tamén están nos petróglifos galegos como os cabalos ou as serpes. Hoxe en día non é frecuente ver cérvidos en Galicia, e menos nas áreas costeiras onde a abundante e dispersa poboación humana apenas lles deixa espazo para se mover con certa liberdade. E aquí é onde chega a rareza, que foi a de ver unha cerva pastando diante da miña casa a escasos metros da porta. Vivo nunha zona rural na que nin eu nin ningunha das xentes que coñezo por aquí vira antes un animal destes; estou nunha finca pechada na que a cerva tivo que saltar e do mesmo xeito tivo que saír porque eu non a molestei. O caso é que me pareceu tan estraño que me puxen a indagar sobre o simbolismo do cervo e atopei cousas ben curiosas sobre el en diferentes culturas: na antigüidade, era considerado inimigo das serpes velenosas, capaz de combatelas de moi diferentes xeitos, símbolo do renacer e do correr do tempo; en heráldica, aparece con frecuencia e significa mansedume ou benignidade; e na mitoloxía celta, son os mensaxeiros entre o mundo dos deuses e o dos homes. Polo tanto, que volva cando queira, aquí será ben recibida.