Con bo pé

Pedro Puy
Pedro Puy LIÑA ABERTA

OPINIÓN

Lavandeira jr | efe

28 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Como se representan á xeneralidade dos homes e das mulleres as figuras políticas de hoxe? ¿Esa representación está moi lonxe da verdade? ¿Ata onde resulta unha caricatura? ¿A maioría do público forma a súa opinión nas caricaturas e comentarios de prensa? ¿Ou teñen un fondo instinto que lles capacita para descubrir o verdadeiro valor e o carácter real dos homes públicos?». Hai case un século Winston Churchill facíase estas preguntas, a propósito de quen consideraba un «grande contemporáneo» seu, pese a ser, como primeiro ministro de facenda socialista da historia británica, un rival político. Engadía Churchill que «ao respecto da xente nova, rapidamente elevada á preeminencia nacional pola prensa e os conciliábulos, os homes e mulleres de nivel medio poden equivocarse facilmente, e por iso están, naturalmente, receosos». 

Pablo Casado é novo, en apenas seis semanas ten acadado preeminencia nacional e non son poucas as caricaturas e comentarios oídos en conciliábulos ou publicados pola prensa. Pero para quen non o coñece, como é o caso de quen subscribe, ten amosado nesas seis semanas varias virtudes rechamantes. En primeiro lugar, capacidade para adoptar decisións valentes, á marxe de presións e nunha situación imprevista e complexa, que lle levaron ao éxito diante do escepticismo da inmensa maioría dos analistas. En segundo lugar, capacidade para saber combinar no seu discurso (particularmente no que pronunciou diante dos compromisarios que ían votar), e nas doses proporcionadas razón e paixón; tan relevante nesta democracia na que o emocional xustaponse ao racional. E en terceiro lugar, xa electo, capacidade para tecer complicidades nun entorno no que conviven (como en toda grande organización) intereses persoais e comportamentos institucionalizados, reforzando a idea da unión fronte á división que, derivada da lóxica das primarias, tanto dano lle ten feito a outras formacións políticas.

Os seus primeiros pasos ao fronte da organización van na boa dirección: amosando respecto aos que lle precederon na responsabilidade que ocupa. Tendéndolle a man á magnífica rival á que derrotou limpamente. Impulsando integración sen ceder no esencial. Aproveitándose con habilidade da cultura institucional dun partido que foi construído desde a oposición en cada rúa do país e que por iso practica a lealdade co seu líder. E amosando respecto pola importancia histórica e presente de Galicia no Partido Popular, ao acompañar na súa primeira aparición pública como presidente do Partido Popular de España ao actual presidente da Xunta, Núñez Feijoo, no funeral oficial do primeiro presidente autonómico do Partido Popular, Fernández Albor; e ao rodearse de galegos na súa dirección. Hoxe, nun tempo nos que a Rede se suma á prensa e aos conciliábulos, a pregunta que Churchill se facía segue plenamente vixente.

E como entón, a resposta segue sendo a mesma: O tempo será quen nos diga se o novo presidente do Partido Popular responde «ao vindicativo e rencoroso cráneo das caricaturas» ou merece entrar no listado dos nosos «grandes contemporáneos». Pero empezar, empeza con bo pé.

Os seus primeiros pasos ao fronte da organización van na boa dirección: tendéndolle a man á magnífica rival á que derrotou limpamente.