Deixemos de ser diferentes

OPINIÓN

13 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Acudimos, cando o precisamos, aos médicos da Seguridade Social, pero levamos o noso can ou o noso gato a facultativos de pago (láiase unha amiga que ten un gato que padece diabetes, o que require un tratamento diario de insulina, cos conseguintes gastos, ao parecer de certa consideración).

Outro amigo ten un can e dime que o rapado lle custa 30 euros. Pero eu penso que o meu rapado o fago máis barato, a metade máis ou menos, e empezo a decatarme de que algo, nesta sociedade nosa, non funciona moi ben. E todo iso sen impedimentos á vista, que un saiba.

En calquera país normal, a xente aprende na escola, e na rúa, que os topónimos non entran en ningún xogo político e que hai unha autoridade que os impón e non son obxecto de discusión. Forma parte da cultura cívica máis elemental. Pero, polo que se ve, aquí aínda estamos moi lonxe desa normalidade. ¿Seguimos sendo diferentes?

E non só iso, senón que pode que esteamos volvendo a aqueles escuros tempos dos carteis con textos como «Sea patriota. No sea bárbaro. Hable en la lengua del imperio», máis ou menos.

O estilo está moi claro nun e noutro caso e máis aínda a fonte de onde provén, fonte non limpa, entoldada polo azul das mentes promotoras: o color azul das súas camisas embazou tamén de azul as súas mentes.

Spain is different foi un lema oficial (unha consigna, na linguaxe propia daquelas xentes de azul)) deste país nuns tempos que un quixera que nunca máis tornasen aos nosos eidos, porque suxiren morte, loito, ignorancia e, por riba de todo, incultura.

¿Alguén se imaxina un país civilizado ocupado en semellantes beaterías? Pois claro que non, que xa atención abondo requiren cans e gatos -ocupacións, ao parecer, relaxantes para algúns e propias, esas si, de países civilizados-.