Case que xa demos unha volta ao mundo levando a nosa música por recunchos inimaxinables, coñecendo lugares que, pese a estaren a milleiros de quilómetros, resultábannos tan familiares que, só co seu arrecendo, tiñamos a sensación de estar ás portas da casa; e outros tan exóticos e distintos que sentiamos estar noutro mundo, incluso estando relativamente preto do fogar. Xentes tan diferentes, vibrando coa música e coas historias que contamos, de tal xeito que se teñen creado situacións moi gratificantes e estrañamente abraiantes. O mundo pode ser tan grande e ao tempo tan pequeno, dependendo de cada mirada, que nos tempos que decorren podes saber moito do que acontece no Brasil, en Canadá ou en Palestina, por dicir algúns lugares, e descoñecer o nome do regato ou do monte que está a carón da túa casa. É por iso que me parece de vital importancia non perder a perspectiva das cousas, aquela que nos convida a coñecer primeiramente o inmediato para despois ir mergullándonos progresivamente no resto, procurando ser o máis respectuosos e abertos posibles. Polo mundo adiante, como diría meu avó, tivemos a sorte de tratar con artistas de grande sona, e moitos outros tamén moi prestixiosos, aínda que menos coñecidos; seres humanos fantásticos dos que aprendemos moitas cousas en escenarios incribles, que van dende unha carpa adecuada para salvagardar da choiva, unha catedral, un camposanto con historia, un xacemento arqueolóxico, unha cova, unha illa, teatros espectaculares..., ata un total de 1.400 concertos en máis de 30 países. Pero nunca esquecerei aquel nun patio interior en Carral, un dos primeiros, aló polo ano 1986, ao que tan só acudiron dúas mulleres que seguiron a nosa música con entusiasmo e emoción. E o que nos queda por diante!