Co inicio dun novo curso, os pais retoman as preocupacións pola formación dos fillos. Non se regatean medios económicos, mesmo á hora de buscar clases particulares, de reforzo ou complementarias. Non obstante, hai unhas estratexias que, a pesar da súa gran transcendencia no éxito académico, son as grandes esquecidas do sistema educativo, e non só para as familias, senón incluso para os propios docentes. Son as técnicas de estudo ou de traballo intelectual. Da mesma maneira que un deportista que non domine perfectamente as destrezas da súa modalidade está abocado ao fracaso, o alumno que non saiba estudar acabará perdendo tempo e acumulando atrasos. Os programas oficiais das materias inclúen as técnicas de estudo, pero a obsesión polos contidos e horarios impide dedicarlles a atención necesaria. Xa que logo, moitos estudantes, mesmo universitarios, son incapaces de ler ou tomar apuntamentos con rapidez; sintetizar ou memorizar. Estudan dunha maneira desorganizada e ineficaz, que trae como consecuencia non só malos resultados académicos, senón incapacidade para enfrontarse a oposicións ou procesos de selección para acceso ao mercado laboral. É unha gran frustración para os profesores comprobar que moitos alumnos non conseguen a adecuada aprendizaxe, por falta de dominio dunhas estratexias básicas de traballo intelectual, que terían que estar consolidadas na etapa de secundaria. É necesaria unha maior preocupación por corrixir esta deficiencia, tanto por parte da Administración como das familias.
Con respecto á primeira, creando esta materia específica e suprimindo outras intranscendentes, ao mesmo tempo que se racionalizan os currículos, demasiado extensos e ríxidos. Por parte dos pais, con accións como facilitar aos fillos un lugar cómodo e tranquilo para estudar ou fomentarlles o hábito lector. Por outra parte, en Internet hai todo tipo de páxinas para aprender e practicar técnicas de estudo, pero a clave está, como unha estratexia máis, en aprender a buscar información segura e fiable.